Murado, Antonio
Antonio Murado López (Lugo, 1964). Membro dunha familia con afinidades artísticas, licenciouse en Belas Artes na Universidade de Salamanca (1988). Durante a súa formación participou en mostras colectivas en Alacante, Toledo e Santiago de Compostela (1986). En 1987 realiza a súa primeira exposición individual na Galería Sargadelos en Santiago de Compostela. Participa nos Talleres de Arte Actual do Círculo de Belas Artes de Madrid, xunto aos pintores austríacos Thomas Jocher, Michael Haas e o galego Antonio Fernández González, con quen formou o grupo Zú que organizou exposicións en Lugo e Viena.
A súa traxectoria consolidouse nos anos 90 con premios e importantes bolsas, unha delas, a Bolsa de estudos Unión Fenosa (1995), permitiulle asistir a Cooper Union School en Nova York, cidade na que reside actualmente. Coa internacionalización de Murado chega tamén a adquisición das súas obras por relevantes museos, coleccións privadas e institucións públicas.
En canto ao seu desenvolvemento plástico Murado é moi versátil, realiza obras pictóricas de mediano e gran formato sobre lenzo, madeira e outros soportes. Así mesmo, explora a serigrafía e impresión dixital onde combina a figuración e o paisaxismo cunha tendencia cara á abstracción mantendo unha íntima conexión coa natureza, reformulando xéneros como o bodegón e a paisaxe.