Piñeiro, Xoán
Xoán Piñeiro Nogueira (Hío, O Morrazo, Pontevedra, 1920-O Porriño, Pontevedra, 1980). Por medio dunha bolsa da Deputación provincial realiza estudos na Escola de Belas Artes de San Fernando de Madrid. Trasládase despois a Santander, para traballar no taller do escultor Capuz. O primeiro galardón chégalle a Piñeiro na exposición de bolseiros de Escultura en 1950, coa obra Os meus pais realizada en granito. Reside un tempo en Madrid e realiza varias exposicións para regresar despois a Galicia e establecer o seu taller en Goián. O seu labor remata, en certo sentido, a vocación cara ao primitivo e autóctono das xeracións anteriores. As súas obras, en bronce, pedra e, madeira, xa sexa a través de concepcións figurativas ou de abstraccións de tipo orgánico, tratan a preocupación pola articulación dos volumes en ritmos sinuosos. Doutra banda empeza a experimentar coa procura da consecución do oco, escavando o bloque.