Ribas, Federico
Federico Ribas Montenegro (Mirko) (Bouzas, Vigo, 1890-Madrid, 1952). Ribas foi debuxante, ilustrador e publicista, actividade esta última na que os seus anuncios e carteis sentarían as bases da publicidade española. Deixa a súa cidade natal aos 18 anos con destino Bos Aires, co obxectivo de seguir a súa vocación artística. Tras a experiencia arxentina, Ribas diríxese a París, onde coñece a modernidade europea e o estilo Art déco que marcará as súas obras parisienses ata que, co estalido da Primeira Guerra Mundial, regrese a Madrid. Na capital traballará para as revistas Blanco y Negro ou La Esfera, publicando ilustracións, portadas, todas elas imaxinativas e de gran calidade, chegando a ser director artístico da casa de perfumerías Gal. Ao iniciarse a Guerra Civil, volve de novo a Arxentina, onde coincide con figuras como Castelao e Luís Seoane e ilustra numerosos libros e revistas, entre eles unha adaptación do Quixote e A Illa do Tesouro. En 1949 regresa a Madrid, onde traballa ata o seu pasamento en 1952. Ribas é o responsable da popularización do modelo de muller moderna, independente, vital e elegante. Ademais, modernizou a imaxe do sector conserveiro galego, coa realización de publicidade para a conserveira Massó, en Vigo. Obras de liñas refinadas e sinuosas, figuras estilizadas, que o converteron no publicista máis cotizado da época.