Ruano Llopis, Carlos

Orba
-
1878
México
-
1950

Carlos Ruano Llopis (Orba, Alacante, 1878 – México, 1950) Nacido o 10 de abril de 1878 en Orba, Alacante; é o cuarto dunha familia de sete irmáns. Debido ás necesidades económicas da familia tras a prematura morte do seu pai, Ruano comeza a traballar nun taller de abanicos, abandonando os estudos ata o posterior inicio da súa formación artística formal na Academia de Belas Artes de San Carlos de Valencia.

En 1909 recibe a Medalla de ouro na Exposición Regional, podendo así gozar dunha bolsa de estudos coa que viaxa a Italia. Desde 1930 mantivo aberto o seu estudo en Madrid, alternando o traballo na cidade madrileña cos seus encargos en Valencia.

Un dos seus temas favoritos é a tauromaquia, de feito, chegou a ser pintor de carteis taurinos, así como de varios óleos de temática taurina. Ademais, colabora en diferentes xornais e revistas que incluían as súas viñetas para ilustrar as críticas taurinas.

Tras a perda da súa nai, en 1934 trasládase a México, onde continuaría a súa traxectoria artística traballando mesmo para a industria cinematográfica de Hollywood co deseño de carteis de películas como Sangre y arena.

A pesar do seu desexo de regresar a España, a enfermidade que sufría non llo permitiu, falecendo en Ciudad de México en setembro de 1950.

O Museo de Belas Artes da Coruña conserva na súa colección un exemplar da súa primeira época como pintor de abanicos.

Obras do/a autor/a