Valverde, Jesús

Vigo (m)
-
1925
Madrid (m)
-
1993

Jesús Valverde Alonso (Vigo, 1925 - Madrid, 1993). Nacido en Vigo en 1925, pasa a súa infancia e adolescencia na súa cidade natal e arredores, demostrando xa interese pola escultura. En 1941 comeza os seus estudos de Bellas Artes na Escuela de San Fernando de Madrid, completando a súa formación noutras cidades como Roma, París ou Londres.

A súa primeira exposición individual ten lugar no Ateneo da cidade madrileña, onde se instalará definitivamente tras o seu matrimonio coa escultora Elena Colmeiro. A pesar de que a súa vida e traxectoria artística se desenvolven en Madrid, ambos escultores manteñen o seu vínculo con Galicia, a través do estudo que conservan na Ramallosa (Vigo), lugar no que aínda se atopan numerosas obras do artista.

Entre os anos 60 e 80 participa en numerosas mostras colectivas como a do grupo “Los Seis Escultores”, constituído en Madrid; ou as exposicións “Escultura Contemporánea” en Nova York e “Escultura Española”, en Oslo. Son tamén anos nos que obtén varios premios e recoñecementos ao seu traballo, destacando a segunda medalla na Exposición Nacional de Bellas Artes, ou o Primeiro Premio Nacional de Escultura do ano 1967. Ademais, é bolseiro pola Fundación Juan March en 1965.

Debuxante e especialmente escultor, a súa obra está presente en numerosos museos de España e Europa, en coleccións particulares e como monumentos públicos en diferentes cidades españolas. En canto aos temas, as súas esculturas baséanse na reflexión sobre o home e a figura humana, representadas a través de diversos materiais, pero especialmente mediante os seus preferidos: a pedra e o bronce.

Tras un proceso de experimentación que o achegou ao mundo da instalación, as montaxes e ensamblaxes a finais dos anos 80 –admirando o object trouvé de Duchamp e as ensamblaxes de Schwitters-, durante os últimos anos da súa vida regresa ao seu estilo inicial con esculturas robustas, de gran volume.

Obras do/a autor/a