Ward Hering, Elsie

Estados Unidos (Howard, Misuri)
-
29/08/1871
Estados Unidos (Manhattan)
-
12/01/1923

Nace en 1871 no condado de Howard, Misuri, e durante a súa infancia nunha granxa interésase polo modelado da arxila. Trasládase coa súa familia a Denver, Colorado, onde o seu contacto cos círculos culturais e o estudo con artistas locais permítenlle perfeccionar as técnicas escultóricas. Este período senta as bases para o seu dominio da técnica escultórica figurativa acentuando as formas realistas e os detalles expresivos que caracterizan a súa carreira posterior.

Entre 1896 e 1898 continúa os seus estudos en Nova York, onde estuda co escultor Augustus Saint-Gaudens na liga de Estudantes de Arte, con cuxa orientación perfeccionou as súas técnicas de modelado e fundición. Viaxa a París en 1898 para ampliar estudos e empeza a experimentar con pezas decorativas. Crea obras como a escultura para unha fonte titulada Niño e ra, modelada en xeso e posteriormente fundida en bronce coa que obtivo medalla de bronce na Exposición de San Luís en 1904. Regresa a Estados Unidos e en 1901 entra a traballar no taller que Saint-Gaudens tiña en Cornish, Novo Hampshire. Esta etapa proporcionoulle un desenvolvemento profesional en traballos de bronce e consolidou a súa experiencia en retratos e escultura monumental. Colaborou, entre outras, na escultura de bronce conmemorativa do presidente Abraham Lincoln, chamada Lincoln sentado, para o Grant Park de Chicago. Despois da morte de Saint-Gaudens en 1907 completa no taller varios encargos inacabados.

Elsie Ward consolídase entón como escultora independente con obras que demostraban a súa destreza para modelar relevos e figuras a pequena escala, a miúdo en xeso, antes de fundilas en bronce, influenciadas polo estilo Art Nouveau. 

En 1910 casa co escultor Henry Hering que tamén fora asistente no estudo de Saint-Gaudens, trasládanse a Nova York establecéndose en Manhattan. A partir de entón reduciu os seus encargos independentes e centrou a súa actividade nas colaboracións co seu marido axudándolle en numerosos monumentos públicos e esculturas arquitectónicas. Adoptou o seu apelido e pasou a chamarse Elsie Ward Hering. Faleceu en Manhattan en 1923 á idade de 51 anos.

Obras do/a autor/a