Imaxe:

Xogador do R. C. Deportivo (Virgilio Rodríguez Rincón)

Cronoloxía:
1911[ca]

Obra orixinal para realizar o cartel do Real Club Deportivo da Coruña. O fútbol, un dos deportes que adquiriu máis popularidade desde a súa introdución en Galicia, tivo o seu propio cartel anunciador desde comezos do século XX. Como exemplo, o cartel de propaganda que o Real Club Deportivo da Coruña lle encargou a Francisco Lloréns, quen realizou outros dous exemplares, entre os anos 1910 e 1911, para a conmemoración dos eventos do club. O pintor residía naqueles anos na Coruña e a actividade como cartelista ocupou unha pequena parcela da súa produción artística. Neste lenzo, obra orixinal que serviu para realizar en papel aquel cartel conmemorativo, observamos como a figura do xogador de fútbol, Virgilio Rodríguez Rincón, que sostén o balón no alto, destaca sobre un fondo neutro e é o protagonista da composición. Está caracterizado de modo sintético pero prestando atención aos seus trazos individuais. A expresividade lógrase cun debuxo de liñas continuas que fixan a silueta da figura e co emprego de tintas planas, sen sombreados, creando unha estética próxima ás novas correntes do cartelismo da época. O cartel reproduciuse en tarxetas postais que se publicaron en París en 1912 por Guilleminot, Boespflug et Cie.

Folla técnica

Número de inventario:
6284
Materia / Soporte:
Lenzo
Cronoloxía:
1911[ca]
Clasificación:
Pintura
Iconografía:
Xogos e deportes
Procedencia:
Depósito Xunta. Doazón: Herdeiros de Virgilio Rodríguez Rincón (23/03/2015)
Historial:

EXPOSICIÓNS:
2019: Valor e mestría. Galicia como fútbol. Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Museo Centro Gaiás, Santiago de Compostela (15 de febreiro- 1 de setembro de 2019).

Medidas:
Con marco: Altura = 205,5 cm; Anchura = 101,5 cm; Profundidade = 4 cm
Lenzo: Altura = 201 cm; Anchura = 95,5 cm
Técnica:
Pintura ao óleo
Obxecto:
Cadro

Obra restaurada

O laboratorio de conservación e restauración do Museo de Belas Artes levou a cabo o tratamento da obra Xogador do R. C Deportivo (Virgilio Rodríguez Rincón).


Estado de conservación

O cadro amosa un delicado estado de conservación á chegada o Museo. O marco e o bastidor están rotos no lateral dereito, un grande repinte cobre a totalidade do fondo e pequenas áreas da figura do deportista, ocultando o anagrama coas letras Parque de Riazor no fondo baixo o brazo esquerdo  do xogador, e ten ademais rotos na tea e parches mal colocados no reverso.

Destaca o deficiente estado de conservación da capa pictórica orixinal, aplicada directamente sobre a tea, con manchas producidas pola presenza de fungos e humidade, afectando especialmente ás carnacións e parte superior da obra, e perdas e desprendementos de amplas zonas de película pictórica nas roupas do futbolista causadas por ter sido sometidas a unha forte abrasión.


Proceso de restauración

A intervención de restauración consistiu na sustitución de marco e bastidor, desinfección do soporte, limpeza do reverso, eliminación de parches mal colocados e colocación duns novos, lixeira limpeza superficial do anverso, fixado da capa pictórica e reintegración cromática das manchas e perdas producidas por abrasión para minimizar o impacto visual das mesmas. Desbotouse a posibilidade de eliminar o repinte sobre o fondo, figura e anagrama debido ao delicado estado da capa pictórica.portada

Por sorte é posible admirar o aspecto orixinal da obra nas diversas publicacións e postais da época que permitiron deixar constancia documental do seu estado antes da desafortunada aplicación do  citado repinte.