Programa TENDER PONTES

Tipo de visita:
Visita-taller-tertulia en Museo de Belas Artes da Coruña

Tender Pontes é un programa de atención á diversidade, organizado polo Departamento de Difusión do Museo de Belas Artes da Coruña co patrocinio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e a colaboración da Asociación de Amigos.

Destinado a colectivos vulnerables, cunha especial atención a persoas en situación de soidade non desexada, busca ir máis alá dunha mera visita ao museo e a súa exposición permanente, para crear unha experiencia compartida co fin tender lazos de maneira permanente coas persoas participantes. Á vez, intentaranse crear pequenas comunidades patrimoniais, conxuntos de persoas que valoran aspectos específicos dun patrimonio cultural para conservalo e transmitilo a futuras xeracións. A través de microhistorias individuais que aporten os/as participantes, procurarase dotar aos obxectos patrimoniais dun significado que axuden a valoralos e comprendelos mellor. Así, traballarase arredor de conceptos como a memoria, a identidade, a creación colectiva, o canon de beleza, a natureza, os traballos tradicionais e o paso do tempo.

As fases de traballo estruturaranse en tres días: visita á exposición permanente do museo, para o que haberá que escoller un dos tres itinerarios deseñados, obradoiro relacionado cos contidos expostos na visita, e posta en común mediada por unha educadora, onde os/as participantes expoñerán os traballos realizados no obradoiro e indagarán sobre os vínculos creados entre a súa experiencia persoal e o patrimonio gardado no museo.

 

Itinerarios a escoller

1. Para que non diga meu amo que perdo de traballar
O mundo do traballo será o fío condutor a través do que iremos visitando as salas do museo, reparando en como este foi evolucionando no mundo rural e no mundo urbano. Tamén traballarase sobre as relacións persoais que xorden neste ámbito, a distribución do tempo ao longo do día e os labores que están remunerados e os que non.
Público obxectivo: colectivos de integración social.

2. Escoitando Rosalía
O xogo, a imaxinación, a morriña e a interpretación libre serán claves nesta visita que partirá da obra Rosalía, de Alberto Datas. A partir dela, trazaremos un percorrido polo museo aparentemente libre e improvisado pero mediado, no que a enigmática obra, a medio camiño entre a figuración e a abstracción, nos permitirá facer conexións tanto literais coma máis libres con outras obras do museo. Así, a través da pintura poderemos reflexionar sobre os sentimentos e as sensacións, e como os artistas nolas intentar transmitir a través da arte.
Público obxectivo: colectivos de integración social.

3. Miña Nai, miña Naiciña
Partindo da obra Ceres, de Fernando A. de Soutomaior, deusa romana da agricultura e das boas colleitas, faremos un percorrido polo museo no que falaremos dunha maneira subxectiva sobre a maternidade: a nosa propia nai ou a nai natureza como a pensaron os artistas galegos. O apego, a crianza e as distintas maneiras de manifestar o cariño ao longo do tempo e as culturas farán deste itinerario unha opción perfecta para visitar o museo en familia. Todo isto estará fiado a través das cantigas ou xogos corporais tradicionais que darán música e contexto ás distintas obras do museo.
Público obxectivo: terceira idade.

 


Información práctica

Grupos: Máximo 20 persoas

Lugar de realización: Museo de Belas Artes da Coruña.

Datas: A actividade desenvolverase de setembro a decembro, de martes a sábado, en horario de mañá e/ou tarde. Tanto as datas como os horarios dos talleres serán confeccionados en colaboración cos responsables das diferentes entidades sociais, garantindo unha absoluta adecuación dos mesmos ás necesidades, á actividade e á idiosincrasia de cada colectivo.

Duración da experiencia:

  • Visita: 45 min
  • Obradoiro: 90 min
  • Tertulia: 60 min (dependendo da resposta do grupo)
Documentos:
Anexo Tamaño
folleto_diversidade_0.pdf 2.12 MB