Visitas exposición temporal "A Barca de Caronte. A travesía vital de Isaac Díaz Pardo"
A exposición A Barca de Caronte. A travesía vital de Isaac Díaz Pardo coincide coa dedicación do Día das Artes Galegas 2025 á figura de Isaac Díaz Pardo. Esta mostra analiza a súa traxectoria artística, desde as artes plásticas ata o deseño industrial.
Para achegar o público escolar á obra de Isaac Díaz Pardo, ofreceranse tres visitas especializadas en distintos niveis académicos, que porán en relación os contidos da exposición coas obras da colección permanente:
Datas: do 7 de outubro ao 12 de decembro de 2025.
Horario:
- De martes a venres
- Mañás: 10:30 horas e 12:00 horas
- Tardes: 15:30 horas
Información xeral:
A visita ten unha duración aproximada de 1 hora, en cada horario só poderá entrar un aula de en torno a 25 alumnos.
Todas as visitas son de balde previa inscrición
Programa de visitas para público escolar
-
Educación Infantil e ata 2º primaria: Un artista con moitas mans
Aínda sendo sempre as mesmas, as mans de Isaac Díaz Pardo souberon dar vida a ideas moi diferentes e orixinais. Pintou, deseñou, escribiu, fabricou… explorando múltiples formas de creación. Nesta visita achegaremos o alumnado máis novo a diferentes disciplinas artísticas, interactuando coas ferramentas e utensilios que sostiveron esas mans para facer posibles as pezas que se expoñen no museo, dende os cadros á cerámica. Así, non só descubrirán a obra desta importante figura, senón que aprenderán que, ao igual que Isaac, tamén eles e elas poden dar forma ás súas ideas e expresalas de moitas maneiras.
-
Educación Primaria (3º a 6º primaria): Navegando polos mundos de Isaac
As viaxes son unha constante nesta exposición sobre Isaac Díaz Pardo: dende as que realizaba Caronte na súa barca ata as do pobo galego emigrado. A vida do propio Isaac non deixa de ser unha travesía ao longo das múltiples disciplinas que dominou e que o levaron a lugares nos que deixou unha pegada imborrable. Nesta visita subiremos a unha barca ficticia que nos irá levando polos seus “mundos”, facendo parada nos portos máis significativos para observar, descubrir e dialogar de xeito interactivo coas pezas máis representativas.
-
ESO e Bacharelato: Do mito á realidade: unha travesía pola vida e obra de Isaac Díaz Pardo.
Partindo dos grandes lenzos de A Barca de Caronte, que dan título a esta exposición, propoñemos un percorrido adaptado aos distintos niveis da ESO e Bacharelato. A visita levaranos das viaxes mitolóxicas á traxectoria vital de Isaac, percorrendo as diferentes etapas do artista, dende a súa fase pictórica ata a deseñística e industrial. Ao longo do percorrido descubriremos todos os proxectos que levou a cabo, prestando especial atención á creación do Laboratorio de Formas de Galicia e as múltiples iniciativas que del derivaron.
Inscrición:
- Inscrición online aquí, indicando na mensaxe que a solicitude é para visitas á mostra A Barca de Caronte. A travesía vital de Isaac Díaz Pardo
- Tamén a través do correo electrónico: mu.belas.artes.difusion@xunta.gal