California dreaming
* EXPOSICIÓN AMPLIADA DESDE O 4 DE XUÑO ATA O 3 DE SETEMBRO DE 2017Despois de toda unha carreira estudando arquitecturas de medio mundo, en Galicia ou en Xapón ou na India ou en Berlín ou en Nova York, arquitectura tradicional e moderna, fai catro anos o arquitecto Pedro de Llano (A Coruña, 1947) descubriu nunha visita á asollada Los Ángeles unha marabilla da que non tivera noticia: as casas unifamiliares do Case Study Houses Program, unha iniciativa pioneira que se desenvolveu durante o segundo terzo do século pasado para facer vivendas alcanzables e pracenteiras para xente nova.Aquel vello soño de Los Ángeles non podía ser un soño máis actual. No medio do caos urbano angelino atopouse cunha resposta sinxela e creativa a un problema que chega ata hoxe: como construír casas básicas, bonitas e funcionais para familias que empezan con ganas pero con pouco diñeiro.Chamado por esa arquitectura tan brillante pero pouco coñecida, foi parar ademais a un mundo máxico de dez biografías apaixonantes de arquitectos por exemplo Rudolph Schindler, iniciador do movemento, o seu continuador Gregory Ain, ou o gran promotor e impulsor daquela corrente, John Entenza. As Case Study foron segundo De Llano unha “experiencia histórica”, unha resposta exemplar a unha situación de crise da vivenda “da que parece que non acabamos de saír”.Na presentación á prensa, o arquitecto estará dispoñible para explicar os detalles daquel fenómeno arquitectónico: Cales eran os ideais deses arquitectos? Que necesidades tiñan os usuarios de entón? Como era a especial relación entre aqueles arquitectos e os seus clientes? Como tiraron da tecnoloxía e a estandarización construtiva para renovar a arquitectura?E que lección ten a filosofía duns arquitectos de Los Ángeles da primeira metade do século XX, envolvidos nas turbulencias da Gran Depresión e a II Guerra Mundial, para os que debemos arranxárnolas para habitar o XXI?“O obxectivo da mostra”, explica De Llano, “é achegar unha pequena contribución ao desenvolvemento dunha cultura crítica da vivenda familiar. Expor un achegamento diferente ao mundo da arquitectura doméstica”. Esta exposición no Museo de Belas Artes é unha invitación ao descubrimento dun capítulo sensacional e esquecido da historia da arquitectura moderna. É a primeira vez que unha institución cultural presenta este tema en España, non só descoñecido para o público común senón tamén no ámbito da arquitectura. Austeridade, rigor, creatividade, intimidade e natureza exterior, rendemento enerxético, materiais novos e algo moi vello pero non sempre abundante: sensatez. Estes son algúns dos ingredientes da escola californiana das Case Study e que aluden frontalmente ao presente. “Nun país que emerxía dunha época tráxica, expuxeron unha forma de vida inédita e sedutora”, di Pedro de Llano.Cun completo despregamento de maquetas, fotografía e textos explicativos, California dreaming aspira a divulgar con sinxeleza, para o entendido ou o curioso, un corpo de deseños que foi un prodixio do sentido común e a innovación.A exposición, organizada pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña contando coa colaboración do Museo de Belas Artes da Coruña e do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, supoñerá unha magnífica oportunidade para poder gozar destes deseños.O día da inauguración, aberta ao público, tocará no museo a banda de jazz Malasombra. Porque a arquitectura tamén debe soar ben. CATÁLOGOCONFERENCIA RELACIONADA:Xoves 15 de xuño de 2017, ás 20H"Unha experiencia en Bélxica. René Heyvaert, de arquitecto a artista, na medida da vida" por Anne Heyvaert