acoruna_diazbalino.jpg

A Coruña. A cidade na arte

Do 30 de xaneiro ao 19 de xullo 2009
-
Museo de Belas Artes da Coruña
Organiza:
Museo de Belas Artes
Autores:
Carmen Pena López; Xosé Lois Martínez Suárez
Comisario:
Ana Vasco e Patricia Pérez
Catálogo:
Si

A Coruña. A cidade da Arte é unha exposición creada desde o Museo de Belas Artes da Coruña como homenaxe á nosa cidade. Unha viaxe no tempo e no espazo a través dunha escolma de cadros, fotografías, planos, ilustracións, gravados, etc. A mostra está organizada en catro seccións: as primeiras imaxes (representacións gráficas antigas feitas con finalidade científica e documental),  panorámicas (vistas xerais da cidad cunha cronoloxía que abarca dese o XVII ata o XX), marcas de cidade (variadas interpretacións artísticas de iconas como a Torre de Hércules ou o castelo de San Antón, o  porto, a enseada do Orzán, etc.) e cidade ideal (ilustracións de proxectos ideais non realizados).

  O día da inauguración da exposición alguén escribiu no libro de rexistro: «están case todos». E é certo. E un feito que case todos os artistas sobranceiros da plástica galega representaron a cidade de diferentes xeitos, a través de estilos, técnicas e temas moi variados: Sotomayor representa a praza de María Pita como fondo dun retrato, Lloréns capta a húmida atmosfera coruñesa na súa representación dos Cantóns e do porto, Caruncho xoga coas formas cúbicas dos edificios da Coruña máis moderna e as tres dimensións do cadro, Roberto González amosamos, a través da súa sensibilidade e poética hiperrealista, a arquitectura máis moderna da Coruña. Está o cartelismo de Cebreiro -que nos vende o clima da Coruña como o mellor de España- e de Camilo Díaz Baliño, reivindicando o espírito republicano da Coruña. Está o xenial Eugenio Granell, que nos amosa un  mar do Orzan máxico a través da súa ollada surrealista, cheo de misterio e de inquedanza. Seoane, representando as ondas do mar coruñés con cores planas cheas de intensidade. E, como non, a máxica ollada de Urbano Lugrís, o artista que tanto amou a súa cidade natal, representado na mostra a través dun mural, unha desas pegadas que deixou espalladas polos locais coruñeses. Gerardo Porto, Tino Grandío, Correa Corredoira, Román Navarro, etc.

Pero A Coruña. A Cidade na Arte é moito máis: Son mapas, planos e gravados feitos polos antigos viaxeiros que nos visitaron, e que nos documentan a antiga xeografía coruñesa.  É un  cadro chegado desde o Palacio de Versalles, que representa a entrada dos cen mil fillos de San Luís na Coruña liberal do XIX. Son as fotografías de Vari Caramés e Xurxo Lobato, son as ilustracións, máis ou menos inxenuas, dos ilustrados viaxeiros que nos visitaron no XVIII. É a banda deseñada de Miguel Anxo Prado...

   Unha mostra que ningún coruñés amante da súa cidade pódese perder, pois A Coruña, coa súa beleza, sempre namorou aos artistas.