Instalación: Cela amarela cor carne interior
ARTISTAS NO MUSEO
INSTALACIÓN DO RESULTADO DO TALLER IMPARTIDO POR MÓNICA ALONSO
CREAR DENDE AS EMOCIÓNS
Cela amarela cor carne interior: 5 Casos de Arte Confesión
Crear dende as emocións foi un obradoiro desenvolvido no marco do ciclo ARTISTAS NO MUSEO, no que os alumnos tiveron a oportunidade de traballar cuestións emocionais persoais a través da expresión artística. Elixiron unha emoción que traballaron ata o seu total coñecemento. Das emocións pasaron aos sentimentos, aos que deron forma. Todos os medios formais son posibles. O traballo de Mónica Alonso pode ser visto como unha expresión de Arte Confesión – creación artística impregnada polos sentimentos mais profundos do seu creador- pasando na actualidade a traballar coas confesións dos outros. Neste caso os outros son os asistentes ao obradoiro. A artista actúa como o confesor que non xuzga. O resultado son 5 proxectos, que ela presenta como casos.
Caso 1- O sobre que nunca encontrou.
Caderno: materialización do sobre que nunca encontrou.
Obxecto: cubo de rubik intervido. Dossier: a nai castradora
Caso 2- Medo ao fracaso como artista.
Caderno: O medo ao fracaso como artista. O colibrí amarelo.
Obxecto: colibrí amarelo. Dossier: o medo a …
Caso 3- Localización e transformación dun espazo propio e seguro.
Caderno: Localización e transformación do espazo
Obxecto: maqueta. Dossier: a arte de se sanar.
Caso 4- Sexo, traballando co inconfesable.
Caderno: fantasías sobre o inconfesable.
Obxecto: como un pene e unha palliña te poden levar ao setimo ceo.
Caso 5- Confesión como reivindicación social. O zapato de tacón XXL.
Obxecto: zapatos de tacón. Dossier: tacón XXL ou non tacón XXL
Para presentar os Casos ao espectador Mónica Alonso deseña paralelamente unha Cela Amarela Cor Carne Interior. Traballando así coa construcción arquitectónica do lugar propicio para a visualización das emocións, sentimentos e confesións. Ningún caso está firmado pola súa autora, pode ser de calquera participante, incluído un caso da artista.
Por outra banda, as cartelas amarelas que aparecen ao lado de algunhas obras da colección do museo forman parte dos resultados do obradoiro As representacións artísticas como medio para o coñecemento propio. Crear dende as emocións, e os pensamentos que aparecen nelas foron escritos pola artista ao longo dos meses do obradoiro, dando así unha calidade emocional as obras da colección do Museo. Obras estáticas ás que a artista lles atribue sentimentos e emocións.
VIDEO Entrevista á artista Mónica Alonso no programa Zigzag da RTVG