mision

Misión, obxectivos e marco legal

O Museo recoñece o importante papel que pode desempeñar como institución pública sen fins de lucro, e para iso define e delimita as súas atribucións respecto doutros museos, precisando a súa misión; e describe os obxectivos que conforman a súa existencia.

Misión

  • Ser recoñecido como museo público galego comprometido coa sociedade a través do patrimonio cultural que custodia.
  • Conservar o seu legado patrimonial, composto polo edificio e a colección, usando os medios tecnolóxicos e humanos necesarios
  • Contribuír á educación da sociedade poñendo en valor o patrimonio artístico que custodia e facendo accesible o seu coñecemento a todo tipo de público.
  • Fomentar a actividade intelectual e incentivar o estudo e a investigación baixo unha perspectiva que facilite a creación de contidos e novas interpretacións.
  • Achegar o museo á sociedade procurando que o descubrimento da arte proporcione aos visitantes experiencias enriquecedoras, ademais de educativas.
  • Exhibir as súas coleccións ordenadamente e nas mellores condicións, con perspectivas museolóxicas e museográficas adecuadas, xunto cunha información rigorosa.
  • Cumprir coas altas cotas de calidade e profesionalidade en todas as súas actuacións e servizos, ademais de garantir a seguridade tanto dos seus visitantes como das súas coleccións.

Obxectivos

  • Custodiar nos seus espazos as coleccións de pintura, escultura, debuxos e gravados, obxectos de arte, pezas arqueolóxicas e numismáticas, ademais dos arquivos e documentos acreditativos, no nome da colectividade á que pertence e da que é depositario.
  • Conservar, garantir a conservación e a seguridade das coleccións en todos os seus ámbitos para o seu coñecemento e goce por parte das xeracións actuais e futuras, así como o edificio que as alberga e que conxuga o presente arquitectónico co pasado histórico.
  • Investigar os fondos que o Museo custodia, así como as disciplinas que o vinculan ao coñecemento e á súa conservación. Profundar na teoría e na práctica museolóxica e museográfica e no estudo e a análise continuada do público e a súa variada tipoloxía como usuarios da institución, tratando de establecer relacións de calidade.
  • Divulgar o contido das coleccións, a súa interpretación e o seu estudo ofertando actividades de calidade formativas, informativas e lúdicas dirixidas á súa comunidade. Impulsar ademais o acceso de novos públicos mediante o uso das novas tecnoloxías e espazos de comunicación.
  • Educar a través do patrimonio que custodia e exhibe, interactuando entre o proxecto museolóxico das súas coleccións e o público nos seus diferentes tipos e niveis, ofertando actuacións e programas específicos e fomentando o intercambio institucional e a participación.

Marco legal

O Museo de Belas Artes da Coruña é un museo de titularidade estatal coa xestión transferida á Comunidade Autónoma de Galicia, polo que as súas actuacións sitúanse baixo os orzamentos e recursos que determina a Administración pública e segue as seguintes pautas legais:

  • Lei 16/1985, do patrimonio histórico español, art.59.3, onde se define o que é un museo. “Son museos as institucións de carácter permanente que adquiren, conservan, investigan comunican e exhiben para fins de estudo, educación e contemplación, conxuntos e coleccións de valor artístico, científico, técnico ou de calquera outra natureza cultural”.
  • Real Decreto 620/1987, polo que se aproba o regulamento de museos de titularidade estatal e do Sistema Español de Museos, que recoñece as funcións dos museos.
  • Real Decreto 2434/1982, sobre o traspaso de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura (BOE 1/10/1982).
  • Lei 8/1995, do patrimonio cultural de Galicia, que dedica o título V aos museos como institucións de carácter permanente e sen fins de lucro e cuxas funcións lles outorgan permanencia e singularidade.
  • Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia, que no título VIII define e indica as funcións dos museos, creando ademais a Rede e o Sistema de Museos de Galicia.