Esta serie de gravados responde á intención de utilidade social que tiña a arte para Luís Seoane. As vinte e catro  xilografías sen título que forman esta compilación supoñen unha homenaxe a unha heroína arxentina, Martina Céspedes, que defendeu a súa cidade ante as invasións inglesas producidas en 1807, en  Río da Prata.

Coa súa intervención no conflito converteuse nunha mítica heroína criolla da resistencia popular no imaxinario porteño, e foi nomeada Sarxento Maior do Exército con dereito a soldo e ao uso de uniforme.

Este conxunto achega moita información sobre a técnica de Seoane, xa que recolle a secuencia e o desenvolvemento da estampaxe a través das matrices dos oito gravados protagonistas. Neles móstranse unhas figuras cheas de vitalidade e configuradas con densas manchas de cor.