O Amor durmido

O autor

Jan Erasmus Quellinus II foi un pintor de Amberes. Nos seus primeiros anos formouse no obradoiro do seu pai, o escultor Erasmus Quellinus I. Foi gran colaborador de Rubens, realizando numerosos cadros para a decoración da Torre de la Parada a partir dos bosquexos deste pintor. O rapto de Europa, Baco e Ariadna, A morte de Eurídice, Cupido navegando sobre un delfín, Jasón co vellocino de ouro ou A persecución das harpías son algunhas destas obras.

 

O mito

Psique foi unha fermosísima princesa, a filla máis nova do rei de Anatolia. A súa beleza era tan deslumbrante que era adorada polos homes coma se fose unha deusa. Isto espertou os celos de Afrodita que obrigou ao seu fillo Eros (Cupido ou Amor para os romanos) a lanzarlle unha frecha de amor oxidada coa que condenala a namorarse do home máis horrible e vil que puidese existir.

Cando Eros foi cumplir os desexos da súa nai e descubriu a beleza de Psique, ficou namorado dela inmediatamente, polo que fallou o frechazo e en canto Psique se durmiu, raptouna e levouna ao seu pazo. Eros inventouse unha fórmula para estar con Psique sen enfadar a Afrodita: a princesa pasaría o día soa no pazo e atoparíanse pola noite ás escuras.

Psique pasaba todo o día soa e botaba moito de menos as súas irmás, polo que lle pediu permiso a Eros para velas. Este concedeullo e cando as irmás lle preguntaron polo aspecto do seu mozo e Psique non soubo responder, estas asustadas por se era un monstro, animárona a descubrir a súa identidade.

Esa mesma noite, Psique agardou a que Eros se durmise e acendeu un candil para observalo. Ao descubrir á tremenda beleza do máis fermoso dos deuses, Psique emocionouse de tal xeito que unha pinga de aceite caeu sobre o peito do noivo, quen espertou alporizado e, sentíndose traizoado por Psique, abandonouna.

Psique, desconsolada, acudiu a Afrodita para pedirlle que intercedera para recuperar o amor do seu fillo. A deusa chea de rancor, mandoulle realizar catro complicadas tarefas, sendo a última a máis perigosa. Consistía en baixar ao Hades para pedirlle a Perséfone, raíña do inframundo, un pouco da sua beleza e metela nun frasco.

Superadas as tres primeiras, comezou o duro camiño aos infernos, no que Psique venceu moitos obstáculos como enganar ao Can Cerbeiro ou convencer a Caronte para que a transportase polo inframundo. Cando chegou onde Perséfone, esta emocionouse pola súa fazaña e accedeu a darlle un pouco da súa beleza. Na camiño de volta, a curiosidade de Psique levouna a abrir o frasco e tomar un pouco da beleza, pero nese momento brotou un cheiro que provocou o seu sono eterno.

Psique quedou durmida inmediatamente, pero cando Eros soubo da aventura da súa amada e de todo o que fixera por recuperar o seu amor, acudiu rapidamente a despertala e interceder ante súa nai e Zeus, o deus de deuses, para que lles permitisen casar.

Zeus accedeu aos desexos de Eros convertindo en inmortal á princesa. Afrodita reconciliouse con Psique danzando na súa voda e Psique e Eros viviron por sempre xuntos no Olimpo.

o amor