Aquiles descuberto por Ulises

O autor

Descoñecemos ao autor deste cadro malia a súa segura pertenza ao círculo de Pedro Pablo Rubens. No século XVII era moi habitual que os grandes mestres contasen cun taller propio no que traballaban moitos colaboradores. Rubens reservaba os grandes encargos para si mesmo, outros cadros comezábaos el e despois eran rematados polos seus seguidores e, noutros casos, eran os propios discípulos os que executaban toda a obra. Algúns destes alumnos, cando alcanzaban a súa madureza, independizábanse do mestre e seguían os seus propios camiños. Aínda que non sexa da súa propia man, nesta obra albiscamos algunhas das claves que caracterizan a pintura de Rubens: como a exquisita utilización das cores, a abundancia de personaxes na escena e a rotundidade das figuras femininas.

 

O mito

Aquiles, fillo de Peleo e da deusa mariña Tetis, é un dos heroes sobranceiros da mitoloxía grega. Sendo un bebé súa nai mergullouno na lagoa Estixia co fin de facelo inmortal. Para que non afogase, Tetis colleu ao cativo polos nocellos e introduciuno na auga sen se decatar de que un dos calcañares quedara sen mollar. Este sería a partir de entón o seu punto feble.

O neno medrou, converténdose no guerreiro máis poderoso da antiga Grecia, un home case invencíbel. Aquiles foi chamado á Guerra de Troia, xa que o consideraban unha garantía para o éxito do bando grego. Tetis, que sabía por un augurio que a súa participación nesa guerra tería consecuencias tráxicas, decidiu escondelo no pazo do rei Licomedes para evitar a súa partida. Aquiles vivíu un tempo nese pazo e, para non chamar a atención, fíxose pasar por unha princesa chamada Pirra. Vivindo alí namorouse de Deidamia, unha das fillas do rei, e con ela tivo un fillo o que chamarían Neoptolemo.

Os gregos sentiron a ausencia de Aquiles e comezaron a buscalo, sabedores de que a súa participación na guerra era fundamental para a victoria. Ulises foi o máis perspicaz deles e tras descubrir onde estaba agochado, ideou un plan para desenmascaralo.

Foi visitar ás princesas facéndose pasar por un mercader; levaba un baúl cheo de agasallos para elas: alfaias, vestidos, espellos... e entre todas esas cousas o casco, a espada e o escudo de Aquiles. As princesas foron pasando unha a unha collendo o regalo que máis lle prestaba. Cando chegou a quenda de Pirra (o heroe disfrazado) non puido resistirse e agarrou a súa armadura, colocándose o casco e portando a espada con forza, quedando así descuberto ante toda a corte do rei.

Non lle quedou máis remedio que abandonar o confortable escondite e marchar con Ulises á guerra, abandonando para sempre á súa amada. A participación de Aquiles foi clave na victoria dos gregos sobre os troianos, sen embargo o seu destino estaba escrito, e convertido xa no guerreiro máis poderoso da historia, unha frecha disparada polo inimigo Paris, cravouse xusto no seu punto feble provocando a súa morte.

 

A obra

O ciclo mitolóxico troiano, recollido na Ilíada e na Odisea, é un dos máis representados na historia da pintura. Neste cadro vemos a dous dos personaxes principais do mito: Aquiles e Ulises. A obra pon de manifesto a astucia de Ulises, e o destino ineludible de Aquiles como guerreiro e heroe que morrerá de xeito prematuro.

Pictoricamente, a escena está construída a través da liña fluída e curva que define a composición. O estilo da escola de Rubens recoñécese na variedade de xestos e expresividade dos seus estilizados personaxes e na recreación dos efectos lumínicos que se aprecian particularmente na versión orixinal do cadro que nos ocupa, o óleo sobre táboa titulado Aquiles descuberto entre as fillas de Licomedes pintado por Herp I, que se conserva en Felbrigg Hall en Norwich, Reino Unido.

aquiles