DÍA INTERNACIONAL DOS MUSEOS

Museos para a harmonía social
O Día Internacional dos Museos que se celebra o 18 de maio, promovido polo ICOM e ao que se suman os museos de todo o mundo, este ano se presentou baixo o lema de "Museos para a harmonía social", como unha ocasión para achegarnos ao concepto oriental de "harmonía social", baseado no diálogo, a tolerancia e a coexistencia como vías para o pluralismo e o respecto á diferenza. Este evento é unha oportunidade para incrementar as nosas actividades e abrir as nosas portas á pluralidade, eliminando todo tipo de barreiras, tanto lingüísticas como socioculturais que limitan a participación de certos grupos de poboación nos nosos museos, e estimulando a formación dun modelo de harmonía social que garanta a diversidade cultural e a biodiversidade do patrimonio da humanidade.
18 de maio -  Día Internacional dos Museos
O 18 de maio é sempre unha xornada de portas abertas no museo na que, ademais de realizar actividades especiais coas visitas escolares programadas para ese día, ofreceuse a todo o público que quiso achegarse ao museo unha visita guiada á colección permanente, ás 18:30 horas.
22 de maio - A Noite dos Museos
O museo uníuse tamén á celebración de "A Noite dos Museos" do sábado 22 de maio cun horario especial de apertura, desde as 20 a 23:30 horas, con entrada de balde,  ofrecendo unha programación extraordinaria:
20:15 h - Danza-teatro para descubrir o Museo de Belas Artes, a cargo de Ángela Blanco.
21:00 h- Jazz sesión, a cargo de FRIKTONE
22:30 h - Visita ás salas da colección permanente