biblioteca.jpg

Dúas importantes doazóns particulares enriquecen o fondo da biblioteca do Museo de Belas Artes da Coruña

DÚAS IMPORTANTES DOAZÓNS
PARTICULARES ENRIQUECEN O FONDO DA BIBLIOTECA DO MUSEO DE BELAS ARTES DA CORUÑA

A
Coruña, 26 de maio de 2016.-
O Museo de Belas Artes da
Coruña vén de incorporar dúas importantes doazóns particulares que enriquecen o
seu fondo bibliográfico. Por unha banda, Pedro Vasco Conde, presidente da
Asociación de Amigos do Museo de Belas Artes da Coruña, acaba de facer unha doazón
de gran parte da súa colección privada, un total de 617 monografías, folletos,
catálogos de exposicións e publicacións periódicas de arte á biblioteca do
Museo.

Por outra banda, César Antonio Molina,
escritor, ex ministro de Cultura, ex director do Instituto Cervantes e actual
director da Casa do Lector da Fundación Germán Sánchez Ruipérez, acaba de
enviar a través da Biblioteca da Deputación Provincial da Coruña, e por seu
expreso desexo persoal, un lote de 67 libros de arte procedentes dos duplicados
da Biblioteca Molina-Monmany da Deputación Provincial.

Desde o Museo agradécense estas iniciativas e
anímase a que outros particulares ou institucións se así o desexan, contribúan ao
enriquecemento dos seus fondos bibliográficos, dispoñibles para a consulta dos
seus usuarios.

O Museo de Belas Artes conta cunha biblioteca
especializada en arte que posúe na actualidade e máis de 15000 títulos, e un
importante número de publicacións periódicas nacionais e internacionais.

A biblioteca supón un instrumento fundamental
de traballo para o labor de investigación e documentación realizada polo
persoal técnico do museo, e para investigadores e usuarios externos,
especialmente da área das artes, o patrimonio e a museoloxía.

Ademais, cumpre un rol importante na
produción, difusión, e conservación dos contidos xerados desde o Museo

Entre os seus obxectivos destaca o de
converterse nunha biblioteca de referencia no campo das belas artes,
especialmente a nivel galego.

A todo isto contribúen dunha maneira especial
iniciativas como dúas  doazóns  particulares, recentemente recibidas na
biblioteca.