Fin de curso 2012 / 2013
Xa rematou o curso. Durante estes meses case dez mil alumnos de diferentes centros da comarca da Coruña e doutros lugares de Galicia visitaron o museo. Comezamos en outubro do ano pasado, e case sen decatarnos estamos xa a finais de xuño, e é tempo de despedirse ata despois do verán, de agradecervos a vosa presenza no noso centro e de invitarvos as nosas actividades educativas para o vindeiro curso.Aproveitamos tamén para anunciarvos que a partir de mediados de setembro estará xa á vosa disposición a información sobre as actividades educativas do museo para o curso 2013 / 2014.Como cada ano, neste curso achegáronse grupos desde os tres ata os dezaoito anos, cubrindo todos os niveis da educación. Para moitos destes nenos e nenas era a primeira vez que visitaban un museo, e aquí descubriron pinturas e esculturas fascinantes de diferentes épocas, a través das cales observamos, imaxinamos, comentamos, aprendimos, xogamos e creamos.Todos estes grupos escolares acolléronse aos nosos programas educativos, deseñados polo equipo de educadores do museo co obxectivo de que a visita fora axeitada á súa idade. Unha programación que pretendemos renovar cada ano para que a actividade no museo sexa, de cada vez, unha experiencia nova.
Normalmente os educadores dos museos cavilamos sobre a importancia da visita dos grupos escolares ao noso centro, marcámonos obxectivos ambiciosos e tentamos que o persoal docente se involucre na programación do centro. Porén, sendo isto moi importante, o que realmente valoramos é que os rapaces, auténticos protagonistas da visita, gocen da experiencia pedagóxica. Unha faciana de sorpresa ante un cadro, un sorriso despois dunha historia, unha man erguida que desexa opinar, un aceno de orgullo ante o traballo realizado...
Desde o museo queremos que esta pequena semente que plantamos agrome nun futuro, para que estes rapaces que hoxe nos visitan desexen seguir acudindo ao Museo de Belas Artes e a outras institucións culturais xa de adultos, para gozar do marabilloso mundo da arte e dos museos.
Moitas grazas a todos, agardámosvos o curso que ven.