Inicio das actividades de primavera
O Museo de Belas Artes da Coruña da inicio á súa programación de primavera dirixida a todos os públicos
Este venres, día 29 de abril, o Museo de Belas
Artes da Coruña abre a súa programación de primavera, que contará con seis
talleres, dous cursos, dous ciclos e dúas actividades conmemorativas dirixidas
a todos os públicos entre os meses de abril e xuño de 2011. A través da web do
Museo, http://museobelasartescoruna.xunta.es xa se pode acceder á matrícula para
os doce eventos entre os que destacan obradoiros de gravado, cursos de arte,
concertos, cine e actividades para familias.
A
carpeta-libro de artista será o obradoiro que dea inicio á programación de primavera do
Museo de Belas Artes. Nel iniciarase aos participantes na elaboración dunha
carpeta-libro de artista. O taller, que se celebrará os venres ata o 27 de maio,
será impartido pola artista Isabel Pintado, pintora, gravadora e licenciada en
Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid. Todos os sábados, desde o
30 de abril ata o 28 de maio, desenvolverase o taller A cor na algrafía, un
obradoiro de gravado dedicado á técnica da litografía sobre prancha de aluminio
ou algrafía
e
que será impartido por Omar Kessel, pintor e gravador da Fundación CIEC de
Betanzos. Para os martes entre o 24 de maio e o 14 de xuño prográmase o
obradoiro Letras iluminadas impartido por Ángeles Galán e Ana
Camiñas e no que usando o pergamiño como soporte, e ouro fino e temple, o
alumno coñecerá a técnica da iluminación.
Arte
en familia é un taller que chegará ao Museo de Belas Artes da Coruña os
sábados entre o 7 de maio e o 25 de xuño. Imaxes, lecturas e pequenas
actividades conformarán a dinámica deste obradoiro dunha soa sesión e destinado
a familias con nenos a partir de 5 anos. Nel, os participantes interpretarán
imaxes artísticas, estimularán a creatividade e gozarán coa arte, utilizando
como recurso a obra de Velázquez e a de Luís Seoane, en días alternos. Cada
obradoiro remata cunha sinxela actividade plástica.
A
partir do vindeiro 3 de xuño poderase participar todos os venres ata o 1 de
xullo no taller Iniciación á xilografía, obradoiro de introdución ao gravado
xilográfico impartido polo artista Ali Ali, pintor e gravador da Fundación
CIEC. Os sábados desde o 4 de xuño ao 2 de xullo, impartirase o obradoiro Da estampa á
serie, no que se empregarán diferentes técnicas de estampación e que
será impartido pola artista Anne Heyvaert, pintora e gravadora da Facultade de
Belas Artes de Pontevedra e Fundación CIEC de Betanzos. Todos estes obradoiros
estarán organizados polo Museo de Belas Artes en colaboración coa Asociación de
Amigos do Museo e o Concello da Coruña.
Cursos e outras actividades
O curso A historia da arte a través dos museos, que terá
lugar do 3 de maio ao 5 de xullo, aproximará aos asistentes á historia da arte
desde a Antigüidade ata a actualidade, utilizando como exemplos algunhas das
obras pertencentes ás coleccións dos máis importantes museos e facendo especial
fincapé na colección permanente do Museo de Belas Artes. A primeira parte do
curso estará dividida en dúas seccións, ‘Antigüidade e Idade Media’, nos meses
de maio e xuño, e ‘Renacemento, Barroco e Clasicismo’, entre xuño e xullo. Este
primeiro ciclo intégrase na programación de primavera do Museo. No segundo
ciclo, que se desenvolverá no outono cunha nova inscrición, os contidos serán
‘Romanticismo, Realismo e rexionalismo’ e ‘O século XX’.
Por
outra banda, o curso Os temas da arte: A iconografía relixiosa versará
sobre a Historia da Arte, aínda que analizada a partir das distintas temáticas
empregadas ao longo da historia. A pesar de que a temática relixiosa na arte se
remonta a culturas ancestrais anteriores á Era Cristiá, este curso centrarase
principalmente na iconografía relixiosa cristiá, abordando a representación dos
distintos temas relixiosos a partir do Antigo e Novo Testamento e seguindo as tendencias
da arte de cada momento. Para iso aludirase tanto á tradición greco-romana como
ás fontes iconográficas, á súa simboloxía, á función de devoción, ornamental ou
didáctica da imaxe, e ao modo de representar cada historia por parte dos
artistas nas distintas épocas. O curso, que terá lugar os mércores do 4 de maio
ao 29 de xuño, está organizado polo Museo de Belas Artes en colaboración coa
Asociación de Amigos do Museo e a Deputación da Coruña.
Entre
outras actividades tamén destacan o IX Ciclo de cine “Arte no celuloide”.
Biografías de artistas que ten como obxectivo definir as diversas formas nas que están
presentes as artes, tanto as plásticas como a arquitectura e a música, no cine,
xa sexa como referente iconográfico, como apoio e base para o argumento, como
marco da acción ou aparecendo fisicamente no encadre. O ciclo celebrarase do 11
ao 25 de maio. Cómpre destacar tamén o XI Ciclo “Música para unha época”, do 8 ao 29
de maio, que combina a música dunha determinada época coa visita guiada á sala do
museo relativa ao mesmo período histórico, co fin de establecer un paralelismo
entre a música e a pintura; o Día Internacional dos Museos, o vindeiro
18 de maio de 2011; ou a A noite dos museos: Jazz no museo, que se celebrará o próximo
14 de maio.