O paraíso fragmentado de Manuel Vilariño

NOVO DEPÓSITO

O PARAÍSO FRAGMENTADO

DE MANUEL VILARIÑO

25 de novembro de 2016Mañán: Presentación á prensa20:00h: Conferencia Fernando Castro Florez. O paraíso fragmentado de Manuel Vilariño

O 25 de novembro de 2016 terá lugar no Museo de Belas Artes da Coruña a presentación da obra O paraíso fragmentado,
unha peza monumental do fotógrafo Manuel Vilariño, ofrecida polo propio
autor en calidade de depósito. Este feito, ademais de avalar a
incipiente sección de fotografía do museo, supón para esta institución
unha oportunidade única de posuír e exhibir unha obra fundamental dentro
do panorama artístico actual, seleccionada para formar parte da Bienal
de Venecia de 2007, e realizada por un dos nosos máis reputados e
internacionais fotógrafos.

 A obra de Manuel Vilariño O paraíso fragmentado (1999-2003), un dos
proxectos máis emblemáticos da súa produción artística, é un monumental
políptico construído a partir de quince fotografías de idénticas
dimensións que, asociadas entre si, producen unha composición que case
que podería parecernos abstracta, pero que, en realidade, manexa os
mesmos elementos a que nos ten acostumada a súa fotografía: animais
mortos, manipulados e asociados a outros obxectos cunha clara
intencionalidade estética, mentres reflexiona sobre aspectos como a
vida, os ciclos vitais e o sentido do tempo, a través da súa apaixonada
observación da natureza. E é que o tema da morte é esencial na súa
produción artística, dotado de tal carga de melancolía que a súa
contemplación resulta moitas veces inquietante.

 A peza, presentada na Bienal de Venecia no ano 2007, formou parte da exposición titulada Mitoloxías,
unha retrospectiva do fotógrafo coruñés, Premio Nacional de Fotografía
en 2007, que incluía trinta obras realizadas na súa terra natal ao longo
da súa vida, e que presentaba un percorrido pola súa particular visión
de natureza: os animais, as plumaxes das aves, as escamas dos réptiles,
os bodegóns, as paisaxes, as montañas, as ondas do océano e as néboas do
horizonte, visións que teñen que ver coa dimensión da melancolía e a
presenza sombría da morte.

A traxectoria fotográfica de
Manuel Vilariño, na que conviven o branco e negro e a cor, iníciase nos
anos 80 como un continuado intento de fusionar valores da natureza con
aspectos de cariz cultural, nun panteísmo obxectual que oscila entre os
extremos do relixioso e o profano, do sagrado e do proscrito. O seu
interese pola poesía, os místicos, e os discursos filosóficos, transitan
entre as luces e as sombras da súa concepción da fotografía como unha
posta en escena das entrañas e profundidades do pensamento poético.
Nocións en torno ao límite, o sagrado, o sublime, ou a soidade do tempo
no devir da vida e a morte, repousan nas metáforas das súas
composicións, dunha beleza austera, protagonizadas por animais
(lagartos, aves), acompañados ás veces doutros elementos alegóricos como
caveiras, froitas, velas ou ferramentas.

CONFERENCIA

Fernando Castro Flórez: O paraíso
fragmentado de Manuel Vilariño

25 de novembro de 2016, ás 20:00 horas

Para completar a presentación do
novo depósito, Fernando Castro Flórez, filósofo especialista en
estética, crítico de arte e profesor de Estética e Teoría das Artes da
Universidade Autónoma de Madrid (UAM), impartirá unha conferencia que
versará sobre esta obra do artista, tratando da particular visión de
Manuel Vilariño en torno aos animais, as paisaxes, as naturezas mortas e
as visións que teñen que ver coa dimensión da melancolía e a presenza
sombría da morte.