OS LIBROS COMO PUNTO DE PARTIDA

OS
LIBROS COMO PUNTO DE PARTIDA

CICLO DE
CONFERENCIAS

Organiza a Asociación de Amigos en
colaboración co Museo de Belas Artes da Coruña

 

Unha selección de
publicacións especializadas servirán como punto de partida para que os seus
autores poidan expoñer, analizar e debater co público sobre diferentes aspectos
relacionados coa historia e a socioloxía da arte, a arquitectura e o deseño, os
procesos creativos, ao espazos para a cultura, o teatro e a literatura e tantas
outras manifestacións vinculadas ao ámbito do pensamento, das artes e, en
definitiva, do fenómeno cultural

 

A arquitectura
sagrada do Antigo Reino de Galicia

ALFREDO VIGO TRASANCOS

Xoves, 13 de xuño de 2013

20:00 h

Álbum de fotos en facebook!

Alfredo Vigo Trasancos (Ferrol, 1951)  Catedrático de
Historia da Arte da Universidade de Santiago e recoñecido especialista en temas
de historia da arquitectura e do urbanismo, é autor de máis dun centenar de
publicacións de tipo científico e divulgativo. Son moi coñecidos os seus
estudos sobre a cidade e arsenal de Ferrol no século XVIII, sobre a catedral de
Santiago nas épocas barroca e neoclásica, sobre A Coruña no tempo das Luces ou
sobre a Torre de Hércules no período da Ilustración da que é o seu máis
reputado experto. O seu libro sobre a fachada do Obradoiro é todo un clásico
dentro da historiografía barroca. É, á súa vez, director de case unha decena de
teses doutorais, responsable de diferentes proxectos de investigación
concedidos polo Ministerio de Educación e Ciencia e pola Xunta de Galicia,
coordinador dun grupo de investigación universitario que integra a un numeroso
equipo de investigadores. Exerceu así mesmo a crítica artística, a crónica
sobre cidades, o comisariado en distintas exposicións históricas. Participou
tamén na redacción de plans especiais urbanos e en proxectos de rehabilitación
arquitectónica. Non faltan na súa traxectoria participacións en doutorados de
calidade, másteres e cursos de carácter universitario... Por todo iso e polas
súas investigacións referidas á valoración do patrimonio arquitectónico da
Cidade Departamental recibiu en 2011 a Insignia de Ouro do Concello de Ferrol.

 

 

A
partir de 1670 apréciase na arte e na arquitectura de Galicia unha renovación
sistemática que non foi froito dunha casualidade, senón dunha clara intención
histórica. Coincide este período coa eclosión do noso Barroco, co que se veu en
chamar Barroco Compostelán, que tivo unha longa vida artística de case un
século pois alcanza en efecto ata ben entrada a década de 1760. Tivo ademais
diferentes fases que se corresponden cos grupos xeracionais que ordenaron a súa
arquitectura sobre a base de ideas, presupostos e formas artísticas moi
diferentes, unhas veces carnosas, vexetais e exuberantes, outras delicadas e preciosistas
con calidade case orfebreril, en ocasións abruptas, abstractas e contundentes e
non poucas coa intención de recrear certos "desordenes" estruturais
que máis parecen "deconstruir" que construír, seguramente desexosas
de recrear un mundo extraordinario e sobrenatural que ía en contra das regras
clásicas utilizadas comunmente e da realidade estrutural máis racional e
evidente. Non debe esquecerse, por outra parte que é o século de Andrade, de Romay,
dos Monteagudo, de Rodríguez, Casas, Sarela ou Caaveiro e dunha morea de
mestres maioritariamente galegos que, ademais foi habitual que pertencesen a
ordes relixiosas como sucede con fray Tomás Alonso, fray Gabriel de Casas ou fray
Manuel de los Mártires entre outros moitos. Traballaron case sempre para a
igrexa que foi, a non dubidar, a súa mellor e máis poderosa clientela; aínda
que non faltaron tampouco algúns laicos que encargaron obras importantes.
Coincide ademais o Barroco cun momento de esplendor da cidade de Santiago, cun
período de grandes realizacións no que Compostela se converteu nun activo
taller que exportou mestres e formas artísticas a todo o Reino de Galicia (...)

                                                                                                                                                             Alfredo Vigo Trasancos