PRESENTACIÓN DO LIBRO "EL ESPACIO SALVADO"

"El espacio salvado. Álbum de imágenes", de Alberto Ruiz de Samaniego
LUGAR: Salón de actos do Museo de Belas Artes da Coruña
DATA: Xoves, 8 de maio de 2025
HORA: 19:00h

O Museo de Belas Artes da Coruña acolle a presentación do libro El espacio salvado. Álbum de imágenes, do autor Alberto Ruiz de Samaniego, editado por Shangrila.

No acto de presentación participarán o propio autor, acompañado do profesor de estética da Universidade da Coruña, Alberto Sucasas.

 

Sinopse

Este libro só responde ao pracer de converter en palabra a pintura: procurar do goce da contemplación do cadro, ou do seu goce, un pracer ou un goce da linguaxe. Non se trata tanto dun desexo de saber explicar ou significar a imaxe como dun gusto por dicir o enigma, e, se iso fose posible, instalarse felizmente nel, ou polo menos roldalo.

Por iso é un álbum. O produto dunhas circunstancias, o relato descontinuo ou a dispersión dunhas eleccións e encontros felices con algunhas imaxes. Se algo caracteriza a un álbum é a ausencia de estructura. O álbum forma un conxunto facticio de elementos cuxo orde, presenza ou ausencia son do todo arbitrarios.

Nada máis afastado, entón, nesta derrota sometida ao azar e á continxencia do capricho e do gusto que o tratado ou o libro -que se quere normativo- de arte e ensaio. Un álbum. A mesma continxencia ou capricho que guía a presenza das obras aquí comentadas haberá de rexer o desprazamento do lector polas súas páxinas; tránsito episódico, salteado, fragmentario e par-cial. Poida que orientado ou seducido, primeiro de nada polas imaxes mesmas: santos -e acenos- dunha devoción compartida con Baudelaire e cos hábitos despreocupados da infancia. Pois toda imaxe aspira a ser, dalgún modo, un espazo salvado. Velaí, desde logo, a experiencia propia dun cadro: un sitio resgardado do exterior onde estar e deambular en paz, modelo el tamén do detemento, e da suprema intimidade. Un libro como este, con cadros dentro, non pode máis que intensificar esa experiencia.

Naturalmente, este é o tipo de libro cuxa concepción mesma exclúe a posibilidade de darlle fin, O certo é que, no fondo, todo lector aspira á escritura infinita que inclúa todas as variantes e todos os desvíos: a palabra tramada nunha querenza ou delirio que dure o que dura a vida de quen a escribe.