PRESENTACIÓN DO LIBRO

“Los exvotos en Galicia. Su significación en la religiosidad popular: de la cera a los cuadros votivos”, de José Fuentes Alende
LUGAR: Salón de actos do Museo de Belas Artes da Coruña
DATA: Xoves, 26 de setembro de 2024
HORA: 19:00h

Este xoves, 26 de setembro, o Museo de Belas Artes da Coruña acolle a presentación do libro "Los exvotos en Galicia. Su significación en la religiosidad popular: de la cera a los cuadros votivos", do autor José Fuentes Alende, ex secretario da Deputación Provincial de Pontevedra.

No acto intervirán, ademais do autor, a directora do Museo de Belas Artes, Ángeles Penas Truque, e Salvador Rodríguez Becerra, catedrático de Antropoloxía da Universidade de Sevilla, que efectuará a presentación da publicación.

 

O libro

Dividido en dous volumes, o libro conta con presentacións do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez, e do vicepresidente, Rafa Domínguez, e está prologado polo antropólogo José Manuel González Reboredo, membro do Instituto de Estudos das Identidades e do Museo do Pobo Galego.

Tras unha introdución ao tema, José Fuentes dedica a primeira parte da obra ao estudo da relixiosidade popular en Galicia, deténdose na análise das diversas prácticas e rituais que aínda levan a cabo e, de maneira especial, nas peregrinacións e nos santuarios, para logo estudar minuciosamente os exvotos ao longo da historia na nosa Comunidade, poñéndoos en comparación cos doutras culturas.

No seu estudo detense nos exvotos de cera, tanto as candeas como as diversas figuras ofrecidas nos nosos santuarios, os de madeira, os metálicos, as maquetas de barcos, as ofrendas en especie, as representacións da morte e da enfermidade, como os cadaleitos e as mortallas, os exvotos verbais e os fotográficos, para pechar o primeiro tomo cunha análise pormenorizada sobre os exvotos pintados ou cadros votivos: as súas características en Galicia, localización, área de influencia dos santuarios receptores, o status social dos oferentes, as diferentes ofertas especificadas nos cadros e os rituais que as acompañan, as intervencións dos médicos ante as diversas enfermidades, os cadros como testemuño documental e gráfico da súa época, os seus autores, a súa estrutura e o seu espazo cronolóxico.

No segundo tomo José Fuentes estuda pormenorizadamente cada un dos cento sesenta e un cadros catalogados en Galicia, o máis antigo datado en 1606, distribuídos por provincias, sendo a da Coruña a que conta cun maior número, destacando cuantitativamente os santuarios da Escravitude en Padrón e da Pastoriza en Arteixo. Sobresaen na de Lugo os de Vilaselán, en Ribadeo, e da Ermida, en Quiroga; na de Ourense, o dos Milagres do Monte Medo, en Baños de Molgas, e o de As Ermidas, no Bolo, e na de Pontevedra os de Portodemouros, en Vila de Cruces, ou os dedicados a san Telmo custodiados no Museo da Catedral de Tui.

Finaliza o estudo coa relación da exhaustiva bibliografía consultada por Fuentes Alende para a elaboración do traballo.

Documentos: