REAPERTURA DA SALA DE SARGADELOS
PRESENTACIÓN DA RENOVADA SALA DE LOUZA DE SARGADELOS
MUSEO
DE BELAS ARTES DA CORUÑA
Lugar: Sala Sargadelos do Museo de
Belas Artes da Coruña
Data: 11 de abril de 2014
Hora: 11:00 horas
Participación: Anxo Lorenzo, secretario
xeral de Cultura (Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,
Xunta de Galicia) e Ángeles Penas Truque, directora do Museo de Belas Artes da
Coruña.
PRESENTACIÓN
O Museo de Belas Artes conta na área de exposición permanente cunha sala onde
se exhibe a colección de louza de Sargadelos, a cal estivo pechada nos últimos
tempos por motivos derivados de problemas estruturais no edificio.
Esta paréntese temporal foi aproveitada
para revisar o discurso museográfico da sala, facendo segundo os casos unha
reordenación ou unha nova selección de obxectos co fin de mostrar o amplo
espectro de variedades tanto obxectuais como decorativas con que conta a
colección do Museo. Pero principalmente, dotouse á exposición dun soporte
informativo necesario que facilita o seu seguimento no discorrer evolutivo da
produción de Sargadelos. A información preséntase en distintos niveis e
compleméntase con imaxes, gráficos ou mapas, ademais de novos soportes
tecnolóxicos que se incorporarán nun breve espazo de tempo.
O
percorrido na Sala iníciase cunha información xeral distribuída en varios
paneis, que contextualizan á Galicia socio-económica dunha época de cambio
entre dous séculos (XVIII-XIX), na que Ibáñez encontra os factores idóneos para
acometer o establecemento dun complexo industrial. Os paneis tamén ofrecen
información da figura do fundador e do seu espírito emprendedor, capaz de
marcar unha traxectoria ascendente dende unha actividade comercial e navieira
ata a fabril, que desenvolverá no lugar de Sargadelos (Cervo, Lugo). Os últimos
paneis esbozan a historia do complexo industrial dende a súa creación e
evolución, ao longo das distintas etapas tanto administrativas coma técnicas,
ata o seu peche definitivo en 1875. Por último un panel mostra como as marcas
tamén sintetizan información sobre as distintas etapas da fábrica.
No
interior das vitrinas continúa o discurso museográfico mostrando información en
dous niveis distintos, que se corresponde respectivamente coas técnicas de
decoración e dentro destas, coa diversidade de series decorativas que se foron
desenvolvendo ao longo das distintas etapas de produción.
En
breve engadirase ao discurso museográfico información particular sobre unha
serie de pezas, á que se poderá acceder mediante unha pantalla táctil que
incorporará efectos visuais en formato 3D.