Cebreiro, Álvaro

Coruña (A) (m)
-
1903
Coruña (A) (m)
-
1956

Álvaro Cebreiro Martínez (A Coruña, 1903-1956). Debuxante, pintor, ilustrador de libros, colaborador literario, pasou á posteridade como un dos máis destacados humoristas gráficos galegos. Como caricaturista soubo captar en poucas liñas os trazos físicos e o ser das persoas. Integrado nos círculos culturais da época, caricaturizó a poetas, artistas, escritores e políticos, cos que estableceu relacións de amizade. Aos 16 anos deu a coñecer as primeiras caricaturas, de Imeldo Corral e de Indalecio Díaz Baliño, no xornal A Nosa Terra, portavoz das Irmandades da Fala, fundadas en 1916. No local da Irmandade da Coruña presentou en 1920 a súa primeira exposición individual.

Para expresar a súa adhesión á vangarda cultural galega escribiu co poeta Manuel Antonio o manifesto Máis alá!, dirixido á mocidade galega, supuxo o compromiso coa postura de ruptura e a procura de novos camiños de expresión na arte e a literatura galegas. A súa obra gráfica quedou plasmada en xornais galegos como La Voz de Galicia, Galicia, El Noroeste, Faro de Vigo ou madrileño El Sol. Tamén nas revistas galegas: Alborada, Ronsel, da que foi director artístico, Alfar, Nós, Vida Gallega e na bonaerense Céltiga. Pasada a paréntese de silencio artístico da posguerra, en 1945 comezou a colaborar no semanario coruñés Hoja del Lunes e desde 1950 ata á súa morte no xornal El Ideal Gallego, cunha colaboración fixa semanal de viñetas con pé de texto humorístico. Cun especial sentido da observación da contorna, Cebreiro reflectiu nos seus protagonistas, os nenos, campesiños e mariñeiros, o modo de sentir e de ser da Galicia do seu tempo.

En 1953 foi nomeado membro da Real Academia Provincial de Belas Artes da Coruña (actual Academia Galega de Belas Artes). Publicou as últimas caricaturas na revista coruñesa Atlántida.