Granell, Eugenio F.
Eugenio Fernández Granell (A Coruña, 1912-Madrid, 2001). En Santiago realiza o bacharelato e comeza estudos musicais. En 1928 trasládase a Madrid para proseguir a súa formación no Conservatorio Superior de Música. Nesta cidade frecuenta ambientes artísticos e políticos de esquerda. O activismo político compaxínao con colaboracións en revistas e periódicos como Nueva España e P. A.N. En 1939 inicia un longo exilio, primeiro en Francia e despois debido á guerra europea na República Dominicana, aquí ten lugar o seu encontro co surrealista francés André Breton, traballa como violinista na Orquestra Sinfónica e realiza actividades no mundo literario.
A represión política fixo que se trasladase a Guatemala, onde exerceu como docente na Escola de Artes Plásticas e despois a Porto Rico onde traballou como catedrático de universidade na Facultade de Humanidades. Establécese en Nova York en 1959 como catedrático de Literatura na Universidade de Brooklyn, ata que despois da súa xubilación, se traslada definitivamente a Madrid en 1985. Na cosmovisión de Granell, pintura e escritura son manifestacións da súa vocación creadora. Na súa faceta plástica investigou con multitude de materiais, óleo, augada, debuxo, gravado, colaxe, escultura ou experiencias cinematográficas. É na República Dominicana onde se afianza a súa vertente pictórica.
Na raíz da súa práctica artística atópase a creación inconsciente e o surrealismo. Ademais dunha ampla cultura hispánica que aparece nalgúns títulos, de obras literarias e pictóricas, está presente o encontro co mundo americano, coas paisaxes e culturas do trópico e posteriormente de Nova York: paisaxes exuberantes, indixenismo, culturas prehispánicas, o ritmo frenético da urbe. Adóitanse establecer tres correntes na súa obra pictórica: na primeira está presente unha natureza híbrida entre home e especies vexetais, en relación ás metamorfoses. Viría despois unha etapa de paisaxes máxicas que asolagan a superficie dos lenzos con predominio do movemento e da cor. E finalmente, unha terceira na que son protagonistas figuras e personaxes que aparecen agora máis estilizados e sobre fondos máis sinxelos.
En 1995 creouse en Santiago de Compostela a Fundación Eugenio Granell que en 1996 se instalou no pazo de Bendaña, centro expositivo e de estudo da súa obra e do surrealismo en xeral.