CURSO "OS TEMAS DA ARTE": HEROES E HEROÍNAS DA MITOLOXÍA CLÁSICA
Este novo curso do ciclo "Os temas da arte": Heroes e heroínas da mitoloxía clásica, está concibido como unha continuación natural do desenvolvido no outono de 2024, onde se estudaron as divindades do panteón grecorromano, xa que os heroes e heroínas obxecto de análise esta vez son descendentes de relacións que tiveron con mortais os deuses estudados anteriormente.
Se no primeiro curso enfocamos a interpretación da Mitoloxía clásica non como unha mera narración de fábulas fermosas, senón como unha interpelación á esencia do ser humano, no presente curso esta interpelación será aínda máis intensa, pois o relato heroico é a base da traxedia ateniense de Época clásica que puxo sobre a escena os conflitos humanos esenciais dun xeito que aínda hoxe espertan o noso interese: abonda só con citar nomes como Edipo ou Electra para entendermos a transcendencia dos temas que trataremos.
Así mesmo, durante as leccións prestaremos especial atención ás heroínas, aproveitando a relevancia e o protagonismo que a Mitoloxía clásica lles dera ás mulleres, e que os sucesivos modelos sociais lles negaron en practicamente en todas as épocas e en todas as partes do planeta.
Datas: Martes, do 7 de abril ao 26 de maio de 2026.
Horario: 18:30 a 19:45 h
Lugar: Salón de actos do Museo de Belas Artes da Coruña
Prazas: Prazas limitadas · COMPLETO · Capacidade completa, inscrición pechada
Programación
Curso de 8 sesións.
Duración estimada 1 hora e 15 minutos.
Sesión 1. Introdución: que é un heroe? Perseo, un heroe modélico.
Sesión 2. Troia, historia e mito da guerra de nunca acabar.
Sesión 3. Dúas secuelas troianas trepidantes: Odisea e Eneida.
Sesión 4. Mais secuelas troianas: o baño de sangue dos Atridas.
Sesión 5. Un labirinto de paixóns: Teseo e familia.
Sesión 6. Os Argonautas. Medea e as súas razóns.
Sesión 7. Un terrible destino: Edipo e Antígona.
Sesión 8. Mitos do noso tempo. Estudaremos a pegada dos mitos clásicos nunha figura clave do pop moderno.
FERNANDO DOMÈNECH REY (A Coruña, 1965) é Licenciado en Filoloxía Clásica e Filoloxía Románica (Italiano) pola USC. Profesor cunha longa traxectoria docente, na actualidade é Catedrático de Latín xubilado.
Especialmente interesado no compoñente latino da lingua inglesa e no ensino bilingüe (Content and Language Integrated Learning), foi un dos pioneiros en aplicar este enfoque na materia de Cultura clásica.
Implicado activamente na defensa dos Estudos clásicos, foi membro da Directiva da SEEC Galicia durante os últimos doce anos e un dos artífices da campaña S.O.S. Clásicas.
É tradutor ao castelán de Nicolás Maquiavelo (toscano), e ao galego de Pico della Mirandola (latín) e Isabelle Eberhardt (francés). Na actualidade traballa na tradución ao galego e comentario das traxedias Medea e Fedra de Séneca, publicación que verá a luz en breve.
- Reserva de praza:
Inscrición online exclusivamente mediante o formulario dispoñible nesta páxina, a partir do martes 24 de marzo ás 10 horas.
O envío do formulario non garantiza a reserva de praza, polo que é necesario recibir un email de confirmación por parte do Museo.
No caso de finalmente non poder asistir, agradécese que chamen ao museo con antelación para comunicalo e así poder cubrir a praza para que poidan asistir outras persoas.
- Para máis información:
Para calquera consulta ou aclaración, poden chamar ao teléfono: 881 881 700 de luns a venres en horario de 9 a 14 horas.