CURSO "OS TEMAS DA ARTE": RENOVACIÓN E MODERNIDADE.

Mércores, do 15 de outubro ao 17 de decembro
-
11:30 a 12:30 horas
CAPTCHA
Tipo:
Organiza:
Museo de Belas Artes da Coruña
Monitor:
Alberto Cartón
Público:
Adulto
Prazas:
Limitadas, previa inscrición
Prezo:
15,00€ (Amigos do Museo 12,00€)
Lugar:
Salón de actos do Museo de Belas Artes da Coruña

Novo curso do ciclo "Os temas da arte", nesta ocasión vinculado co contexto da mostra A Barca de Caronte. A travesía vital de Isaac Díaz Pardo.

O curso Renovación e modernidade. Arte e cultura en Galicia, exilios e retornos, 1930-1975 propón unha análise vertebral dos significados múltiples da creación cultural en Galicia dentro do ámbito do Estado e das relacións e fluxos cos artistas e intelectuais galegos exiliados durante e tras a Guerra Civil española. Con detemento, unha reflexión sobre as artes plásticas, e as interferencias e rupturas cos movementos anteriores á década dos anos trinta do século XX, e a súa evolución moderna nas décadas da ditadura.

Datas: Mércores, do 15 de outubro ao 17 de decembro de 2025

Horario: 11:30 a 12:30 h

Lugar: Salón de actos do Museo de Belas Artes da Coruña


Máis información

Os sistemas de creación artística están inevitablemente enlazados e coordinados pola  súa compenetración co social, o político, o económico, e como xeración substancial do seu ámbito cultural, co panorama completo da súa época na súa actualidade. No seu momento contemporáneo.

En Galicia, a atención dos artistas durante os anos 30 do século XX estivo aberta tanto á irradiación radical das primeiras vangardas (as finiseculares decimonónicas e as previas á I Guerra Mundial) como ás convulsas manifestacións creativas que tomaron posicións fortemente ideologizadas nalgúns movementos nos anos seguintes, ata 1936 en España e ata 1939 en Europa. Arte, cultura e acción política en numerosos autores converxen dun modo total, e xeran un posicionamento e un compromiso individual que conducirá a moitos intelectuais e artistas ao exilio (exterior e tamén interior).

Durante o seguintes trinta e cinco anos, en Galicia entrecrúzanse as dinámicas sólidas do aparello artístico expandido con carácter nacional desde as institucións do Goberno en Madrid. Unha imaxe case corporativa das artes visuais cunha marcada obrigación polo acatamento e cumprimento das premisas favorecidas e impulsadas por diferentes organismos centrais, xa que durante o réxime de Franco non existiu un ministerio de Cultura.

Neste ciclo, propoñémonos coñecer activamente e cun traspaso positivo e crítico desde o noso hoxe esas circunstancias creativas en Galicia: como os novísimos e rexeneradores artistas galegos comezaron a consolidar tendencias artísticas e culturais con carácter de identificación histórica-territorial pero cosidas a linguaxes internacionais; e como tamén se conviviu cunha reactivación da considerada como «tradición española» durante o primeiros quince anos da ditadura franquista. Desde logo, como desde a década de 1950 tras a paulatina apertura a Europa e América certas molestias e censuras alixeiráronse relativamente, e retornouse á capilaridade coas segundas vangardas occidentais. Sen esquecer as constantes e importantísimas achegas dos intelectuais e artistas galegos exiliados en países europeos e americanos.

Programación

  1. Renovación e ruptura. Arte e intelectualidade nos anos trinta.
  2. Discrepancias e afinidades: a memoria das vangardas e as transformacións  radicais.
  3. As Artes no sistema do neotradicionalismo conservador galego dos anos  corenta.
  4. A creación da linguaxe cultural moderna en Galicia: a influencia dos intelectuais galegos (tamén dos exiliados) e a necesidade das artes visuais para a conformación dunha identidade diferenciada.
  5. Consolidación das artes visuais máis innovadoras en Galicia: anos sesenta e setenta. A crítica do sistema.
  6. As categorías e os estilos: exemplos para a dinamización da subxectividade.
  7. Materias e materiais: arquitectura e deseño e correlación coas artes plásticas.
  8. E todo cambia: notas para unha historia da arte galego nos «anos do silencio». Forma e construción.

Desenvolvemento do curso

Curso de 10 sesións.
Duración estimada 1 h
Aulas teóricas acompañadas de imaxes, formato visual mediante proxección.

Inscrición:
  • Reserva de praza:

Inscrición online exclusivamente mediante o formulario dispoñible nesta páxina, a partir do martes 30 de setembro ás 10 horas.

  • Pago da matrícula:

Unha vez confirmada a praza por email, efectuar o pago da matrícula ingresando o importe no número de conta (ABANCA ES12 2080 0000 7030 4014 7145) e enviar o resgardo do pago ao email actividades.museobelasartes.coruna@xunta.gal.

  • Para máis información:

Para calquera consulta ou aclaración, poden chamar ao teléfono: 881 881 700 de luns a venres en horario de 9 a 14 horas.