CURSO "OS TEMAS DA ARTE": TIRANDO DO FÍO (II)
Novo curso do ciclo "Os temas da arte": Tirando do fío (II). A arte e a moda: a moda decimonónica.
O curso supón a continuidade do ciclo Tirando do fío, coa intención de abordar os cambios históricos substanciais do século XIX e de atender a consecuente evolución dos valores do traxe en Occidente.
O impacto da Revolución Francesa e as transformacións paulatinas pero inauditas que carrexaría o fenómeno da industrialización, haberían de propiciar profundos e convulsos cambios sociopolíticos, síntoma dunha nova era.
Datas: Mércores, do 2 de abril ao 28 de maio de 2025 (agás o 16 de abril).
Horario: 11:30 a 13:00 h
Lugar: Salón de actos do Museo de Belas Artes da Coruña
Programación
O curso aborda unha aproximación aos cambios histórico-sociais relevantes do século XIX perseguindo o seu reflexo nas siluetas, pezas e complementos icónicos de cada período cultural.
Os estilos artísticos que se sucederon ao longo das décadas revélanse como magnífica fonte de información en base e goce do contido teórico. Un percorrido visual que compaxina as ilustracións de prensa e publicidade de época con grandes firmas da pintura romántica, realista, impresionista ou modernista. Desde o realismo de autores como Daumier para achegarnos ás clases menos favorecidas, á audacia da aposta temática polo cotián herdada polos impresionistas, a quen debo un magnífico legado visual da moda do último terzo do século XIX, a cal non sucumbía a unha reforma do vestido exposta xa pola Irmandade Prerrafaelita. No percorrido pola era victoriana ata o relanzamento de París capital da moda, contamos coa pintura de corte e da alta sociedade, á que se suma unha pintura antiacademicista que habería de plasmar usos e costumes contemporáneos nas grandes urbes de fin de século. Así mesmo, a sorte do fenómeno da fotografía, gañando terreo ao longo das décadas, preséntasenos como fonte documental excepcional da sociedade moderna.
Desenvolvemento do curso
Curso de 8 sesións.
Duración estimada 1h e 30 min.
Aulas teóricas acompañadas de imaxes, formato visual mediante proxección.
CAROLINA MUNÁIZ (Pontevedra, 1976). Docente na Escola Superior de Deseño de Moda Formarte da Coruña, titulada en Ilustración pola EASD Pablo Picasso e con formación Primeiro Ciclo da Escola de Canteiros de Pontevedra (Premio modelado, 2003), é profesora das materias de Historia da Indumentaria e Historia da arte e da Moda do século XX.
- Reserva de praza:
Inscrición online exclusivamente mediante o formulario dispoñible nesta páxina, a partir do luns 24 de marzo ás 10 horas.
- Pago da matrícula:
Unha vez confirmada a praza por email, efectuar o pago da matrícula ingresando o importe no número de conta (ABANCA ES12 2080 0000 7030 4014 7145) e enviar o resgardo do pago ao email actividades.museobelasartes.coruna@xunta.gal.
- Para máis información:
Para calquera consulta ou aclaración, poden chamar ao teléfono: 881 881 700 de luns a venres en horario de 9 a 14 horas.