Barros, Tomás

Toledo (m)
-
03/02/1922
Coruña (A) (m)
-
1986

Tomás Barros Pardo (Toledo, 1922 - A Coruña, 1986). Ademais da actividade artística, Tomás Barros cultivou outras disciplinas como a poesía, o teatro, ensaio, crítica literaria, estudos de estética e pensamento.

De pais galegos, nace en Toledo, aos sete anos volve a Galicia instalándose coa familia en Ferrol. Na súa adolescencia séntese atraído pola pintura e recibe clases do pintor ferrolán Felipe Bello Piñeiro; cursa estudos de Maxisterio e exerce como mestre nacional en varias escolas. Máis tarde, en 1947 trasládase a Madrid para estudar Belas Artes na Escola de San Fernando, licenciándose en 1951. É nesta época cando abandona a pintura realista e entra en contacto coa corrente expresionista europea coa que sente afinidade non só no aspecto formal, senón tamén polos seus contidos sociais. É tamén a época na que empeza a escribir as súas primeiras novelas e a interesarse pola filosofía, o ensaio e a literatura.

Volve a Galicia e en Ferrol traballa como profesor de debuxo de ensino medio e funda en 1952, con outro poetas, a revista cultural Aturuxo que ilustrarían o seu primo Isaac Díaz Pardo e Ricardo Segura Torrella. Posteriormente no ano 1959 traslada a súa residencia á Coruña, cidade na que desenvolverá durante case trinta anos unha ampla tarefa docente no ensino medio e universitario que compaxinou coa creación artística e intelectual.

Artisticamente, como froito da súa procura dun estilo persoal as súas obras terán como fundamento as vangardas analíticas (cubismo e futurismo) e a corrente expresionista. Barros estivo vinculado estreitamente ao ambiente cultural da Coruña, pola súa condición de docente e polo labor creativo desenvolto, como a fundación en 1975 con Luz Pozo da revista de poesía e crítica Nordés, con Luís Seoane como ilustrador e na que colaboraron moitos poetas da época. Foi nomeado membro correspondente da Real Academia Galega en 1980, e membro de número da Academia Galega de Belas Artes en 1986 na que non ingresou formalmente debido ao seu falecemento en setembro dese mesmo ano.

Outras obras do/a autor/a neste museo

  • A lareira (#6391 - Estampa - Papel - Linografía)
  • Cabeza de Cristo (#6388 - Estampa - Papel - Linografía)
  • Fusilamento (#6382 - Pintura - Papel, Cera sintética - )
  • Labrego arando (#6390 - Estampa - Papel - Linografía)
  • Muller do pobo (#6392 - Estampa - Papel - Linografía)
  • Obradoiro (#6385 - Estampa - Papel - Linografía)
  • Os canteiros (#6383 - Estampa - Papel - Linografía)
  • Parexa no peirao (#6389 - Estampa - Papel - Linografía)
  • Perfil de home (#6384 - Estampa - Papel - Linografía)
  • Segador (#6386 - Estampa - Papel - Linografía)
  • Sin Título (#6378 - Pintura - Papel, Cera sintética - )
  • Sin Título (#6380 - Pintura - Papel, Cera sintética - )
  • Sin Título (#6381 - Pintura - Papel, Cera sintética - )
  • Varando a barca (#6387 - Estampa - Papel - Linografía)