Carracci, Annibale
Annibale Carracci (Bolonia, 1560-Roma, 1609). Annibale xunto co seu irmán Agostino e o seu primo Ludovico, fundan en Bolonia cara a 1582 unha Academia que dará orixe á corrente clasicista que se desenvolve no barroco italiano. Crean esta Academia, chamada primeiro os Desiderosi (Desexosos) e despois os Incamminati (Encamiñados), coa intención de superar as formas recibidas e enriquecer a formación dos artistas co estudo do natural e cunha preparación literaria e humanística, que a converte nun centro de ensino que serve de modelo ás modernas escolas de Belas Artes. Viaxes a Parma e a Venecia familiarizárono con Correggio e Tiziano que exercerán unha gran influencia sobre el. En Roma, o contacto coa obra de Rafael e Miguel Ángel, acaba de madurar o seu estilo, creando un canon de beleza que revive os modelos clásicos do renacemento afastado das formas idealizadas en exceso do estilo manierista. Desenvolve á vez unha visión da paisaxe que adquire protagonismo sobre as escenas relixiosas ou profanas representadas nel.