Collantes, Francisco
Francisco Collantes (Madrid ?, c. 1599-Madrid, c. 1656). As referencias que achegan Antonio Acisclo Palomino e Lázaro Díaz del Valle sitúan a Francisco Collantes exercendo a súa actividade en Madrid e fixan as datas do seu nacemento en 1599 e a da súa morte en 1656. A paisaxe foi o xénero que practicou preferentemente e no que destacou, nun momento no que na pintura española era considerada como unha disciplina menor. As súas paisaxes denotan a influencia da paisaxe flamenga de fins do século XVI e a conexión co estilo italiano de principios do XVII, especialmente napolitano e romano. Cultivou paisaxes puras, sen anécdota algunha, en ocasións con pequenas figuras e animais resoltos con acusado realismo e en maior medida con escenas de carácter relixioso entre as que destaca o lenzo titulado, Visión de Ezequiel do Museo del Prado, con evocacións de arquitecturas clásicas e trazos naturalistas no tratamento das figuras humanas. Como pintor de cadros de contido relixioso, as súas figuras de santos illados e de gran tamaño, acusan directamente a influencia do tenebrismo de Ribera, neles a potente luz que os ilumina é o principal elemento modelador. Pintou algúns bodegóns e mesmo temas mitológicos como O incendio de Troia do Museo del Prado. Tanto as súas pinturas relixiosas como de paisaxe foron demandadas por particulares como se reflicte nos inventarios de bens do século XVII nos que se rexistran abundantes obras da súa autoría. Para a decoración do Palacio del Buen Retiro en Madrid realizou un conxunto de paisaxes, en boa parte conservados actualmente no Museo del Prado. Indicativo tamén da alta estimación que tivo a súa pintura, é que unha das súas obras, Moisés ante a silva, figurase na colección de Luís XIV, que pasou despois á colección do Museo del Louvre.