Costa, Alfonso
Alfonso Costa Beiro (Noia, A Coruña, 1943). Cun talento innato para o debuxo, cursa Belas Artes na Academia de San Fernando e amplía estudos en Barcelona, Berlín e Florencia, cidade á que volve en 1972 como bolseiro pola Fundación Juan March, para instalarse despois en Barcelona. Ao longo da súa vida realizará exposicións tanto individuais como colectivas dedicándose á pintura e á elaboración de gravados, carteis e ilustracións para libros e publicacións. Sen perder o contacto con Galicia, celebra exposicións en salas galegas e imparte cursos de gravado en Noia.
Pictoricamente, as figuras e o mundo máxico de Alfonso Costa proceden do onírico. Nos seus personaxes deformados acentúase o esperpentico e o irónico. Dentro dun universo semellante desenvólvese a súa obra gráfica na que a figura humana é o eixe central dunhas imaxes nas que a cor ten un papel determinante. Figuras metamorfoseadas cunha linguaxe de naturaleza máxico surrealista.