Dans, María Antonia
María Antonia Dans Boado (Oza dos Ríos, A Coruña, 1922-Madrid, 1988). Foi unha artista que traballou a maior parte da súa vida en Madrid pero cuxa obra se estrutura e fundamenta nas paisaxes galegas da súa infancia. A súa vida e traxectoria artística está marcada por un traballo e inquietude creadora constante. Naceu en Oza dos Ríos pero pronto se trasladou coa súa familia a Curtis onde as paisaxes e as vivencias que experimentou marcarían toda a súa obra futura. En 1939 trasládase a Coruña onde asistirá a clases de pintura impartidas por Dores Díaz Baliño e expoñerá por primeira vez na Asociación de Artistas coruñesa e en Sálgaa Foto Club de Vigo. Despois traslada a súa residencia a Madrid e alí introducirase nos ambientes artísticos e literarios participando en faladoiros e entrando en contacto coas personalidades máis notorias do momento. Ao mesmo tempo María Antonia Dans asistirá por libre a clases no Círculo de Belas Artes e estará en contacto cos artistas da Escola madrileña. Pronto comezará a expoñer e a recibir gran número de encargos. Durante os anos sesenta e setenta, época de máis produción artística, moverase entre o óleo e a acuarela. O seu recoñecemento chega de ámbitos tanto nacionais como internacionais realizando viaxes a Italia e París. A súa evolución artística prodúcese máis en función do tratamento cromático que dos temas, que se manteñen constantes. Crea unha linguaxe propia baseada nas súas sensacións e vivencias experimentadas en Galicia a través de representacións da paisaxe e de temas populares: o mundo rural, feiras, vendedoras, tendas, etc. Destaca na súa obra a intensidade da cor que elimina a sombra, polo que os seus lenzos veranse carentes de profundidade e perspectiva e onde os elementos figurativos se mimetizan coa paisaxe.