Labra, José María de

Coruña (A) (m)
-
1925
Palma de Mallorca
-
10/1994

José María de Labra e Suazo (A Coruña, 1925 - Palma de Mallorca, 1994). Coruñés de nacemento, Labra pasou a maior parte da súa vida residindo en Madrid. É un dos artistas españois que, na década dos cincuenta, traballaron na abstracción e o constructivismo, formando parte do Equipo 57. A súa formación comeza na Coruña co título de profesor de mercantil. Máis tarde trasladarase a Madrid para estudar Arquitectura (carreira que non conclúe) e ingresa na Academia de Belas Artes de San Fernando. A principios dos anos cincuenta realizará obras como as pinturas murais para o Pavillón da Coruña na Feira do Campo de Madrid e os frescos para o novo edificio de sindicatos da Coruña. En 1954 instálase permanentemente en Madrid, onde comezará a súa nova etapa creativa marcada pola abstracción. Realiza numerosas exposicións nacionais e internacionais. Na década dos sesenta intégrase no grupo Parpalló de Valencia traballando na abstracción xeométrica e fundará, xunto a Carvajal e Feduchi, a Asociación de Estudos de Deseño Industrial. A súa carreira artística comeza cunha figuración poscubista de temática relixiosa centrada nas figuras de anxos, Víigenes e representacións de San Francisco dentro dunha estética esquemática e expresiva que tende, cara aos sesenta, á abstracción xeométrica. Ao longo dos setenta realiza un corpus teórico sobre as relacións entre arquitectura, deseño, matemáticas e música, que será a base para aplicar na práctica das súas creacións.

Obras do/a autor/a