Lodeiro Fernández, José
José Telmo Lodeiro Fernández (Vigo, 1930-1996). Lodeiro desprázase a París en 1957, onde vivirá e traballará, e despois a Suíza antes de instalarse en Vigo desde 1963, onde vai manter un continuo contacto coa cultura e a arte de Galicia.
Participa nas exposicións da praza da Princesa e nas convocatorias de Atlántica. Viaxa a Italia, Alemaña ou Bélxica e a varios paises suramericanos, Buenos Aires e Montevideo, onde realiza varias exposicións. En canto á súa obra, nun primeiro momento achégase a un surrealismo moi próximo ao de Giorgio de Chirico, para pasar a elaborar unha pintura máis persoal. É a mediados dos anos setenta cando experimenta a abstracción xeométrica elaborada coa súa característica técnica do debuxo. Unha serie de claves repítense na súa traxectoria, o uso da cor pura e imprimir ás súas paisaxes e figuras unha rigorosa xeometría. Esta servelle a Lodeiro para realizar composicións, xeralmente en franxas de cores, que son case sempre cálidas: vermellos, amarelos, laranxa. Estrutura o lenzo coa disposición de elementos xeométricos (rombos, triángulos, cadrados..) que manifestan as súas afinidades cos movementos construtivistas.