Minguillón, Julia

Lugo (l)
-
1906
Madrid (m)
-
20/08/1965

Julia Minguillón Iglesias (Lugo, 1906-Madrid, 1965). Aínda que nace na cidade de Lugo, pronto se desprazará coa súa familia a Vilanova de Lourenzá, e posteriormente a Burgos e Valladolid, iniciando nesta última cidade a súa formación pictórica, antes de regresar xunto coa súa familia a Lugo en 1923. En 1924 e 1925 estudará en Madrid, na Escola de Artes e Oficios, antes de ser bolseira pola Deputación lucense para continuar os estudos na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando. A continuación comezará a dar clases de debuxo, antes de introducirse no ámbito das exposicións colectivas. En 1941 acada a primeira medalla na Exposición Nacional de Belas Artes coa súa obra A escola de Doloriñas, que define unha liña a seguir para a súa obra posterior. Viaxa a América en 1958 e regresa a Madrid en 1961, onde se asenta ata a súa morte. No que respecta á súa obra, cabe dicir que toca todos os xéneros: a paisaxe, o retrato, a representación de flores ou o bodegón, esquemas que vai conxugar individualmente nas súas obras de gran formato. A paisaxe e algúns bodegóns responden ao carácter de produción íntimo cando a artista establece contactos directos coa contorna nos momentos que pasa en Viveiro, Vilanova de Lourenzá, Berán (Leiro, Ourense) ou Vigo, aos que se engade a súa experiencia parisina e as súas últimas paisaxes de Madrid. É sobre todo nos óleos realizados en Lourenzá, nos que mostra un maior vínculo co costumista. Unha das constantes no seu traballo será a observación do modelo plástico cunha alta liña de horizonte onde prima o total sobre o particular.

Obras do/a autor/a