Morelli y Sánchez Gil, Víctor
Víctor Morelli y Sánchez Gil (A Coruña, 1860-Madrid, 1936). Destacou na faceta de pintor, unha vocación que compaxinou coa súa profesión de militar. Ingresou moi novo na Academia de Infantería de Toledo e o seu primeiro destino foi Barcelona, onde estudou debuxo e pintura no taller de José Serra Porsón. Pasou por numerosos destinos, case sempre asimilándose a Madrid,onde estudou no Círculo de Belas Artes e formou parte do grupo de copistas do Museo del Prado. A súa relación con Galicia procede das estancias estivais na súa casa, coñecida como Casa Chueira (ou quinta de Víctor Morelli) situada no lugar da Choeira, en Almeiras (Culleredo) preto da Coruña. Era entón cando executaba as súas pinturas de tema rural e paisaxes. A súa obra estivo presente nas Exposicións de artistas galegos: na Exposición de Pintura Rexional Galega en Madrid en 1912, Primeira Exposición de Arte na Coruña en 1912, Segunda e Terceira Exposición de Arte Galego na Coruña en 1917 e 1923 respectivamente.
Morelli foi fundamentalmente pintor de batallas e de retratos de militares. Tratou o tema militar en numerosos lenzos, algúns recreando a historia do seu tempo como a Batalla de Treviño, Batalla de Castellfullit ou a Carga do Monte Arruit, noutros recreando episodios bélicos do pasado en composicións histórico-militares como a Batalla de Elviña ou Rocroi que forma parte da colección do Museo de Belas Artes da Coruña como legado da súa viúva.