Pardo Bazán, Emilia, Condesa de

Coruña (A) (m)
-
16/09/1851
Madrid (m)
-
12/05/1921

Emilia Pardo Bazán (A Coruña, 1851-Madrid, 1921). Condesa de Pardo Bazán e Condesa de Torre de Cela. A súa vida transcorre entre A Coruña e Madrid. O seu pai, o Conde de Pardo Bazán, procuroulle unha educación ampla e liberal formándose sobre todo en humanidades, tamén estudará varias linguas, aínda que non puido asistir á Universidade pois naqueles anos o acceso estaba prohibido ás mulleres.

En 1883 preside na Coruña a xunta inaugural da Sociedad del Folklore Gallego, que se encargará de estudar e conservar o saber popular.

No ano 1896 trasládase a Madrid onde a súa participación nos faladoiros literarios do Ateneo e a súa asistencia ao Congreso permitiron que entrase en contacto coas ideas intelectuais e os problemas político-sociais do momento. Será a primeira muller socia do Ateneo madrileño, chegando á presidencia da Sección de literatura en 1906, ano en que tamén é nomeada presidenta de honra da Real Academia Galega. Será tamén a primeira muller conselleira de Instrución pública, pero a súa candidatura á Real Academia Española foi rexeitada ata en tres ocasións.

Pertence, xunto con Clarín, Giner dos Ríos ou Galdós á xeración do 68. Cultiva a novela realista de inspiración clásica española e preferentemente a naturalista de inspiración francesa, e a novela psicolóxica e espiritualista de fin de século.

Ademais das súas novelas, escribiu contos, ensaios e artigos xornalísticos. A súa novela La Tribuna supón a aparición do proletariado na novelística española, para a que buscou inspiración no mundo obreiro da Coruña, no sector das cigarreiras da Fábrica de Tabacos. Los Pazos de Ulloa, onde a protagonista é a natureza, conságrana como escritora. Na obra La Quimera personifica ao pintor coruñés Joaquín Vaamonde, quen se atopaba baixo a súa protección, no personaxe de Silvio Lago. En La piedra angular, o doutor Pérez Costales, outro insigne coruñés, convértese tamén en protagonista da novela, co alcume de Doutor Moragas.

Obras do/a autor/a

Nestes momentos o autor non ten obras expostas no museo.