Patiño, Reimundo
Reimundo Patiño Mancebo (A Coruña, 1936-1985). De formación autodidacta, trasládase a Madrid en 1958 onde entra en contacto coas correntes pictóricas do expresionismo abstracto e do informalismo. Acabará por desenvolver unha linguaxe plástica particular que compaxina as novas correntes estéticas, como o gestualismo impulsivo dos exprseionistas abstractos ou o informalismo, co que consideraba que era o popular e propio de Galicia: os cruceiros, os gravados primitivos da pedra, a tradición escultórica. Participa na configuración de colectivos de vangarda como A Gadaña (1960) e a Asociación cultural Ou Galo (1961), e é á súa vez promotor da costitución de Estampa Popular Galega, un grupo de gravado que pretende democratizar a arte e inovar a linguaxe plástica co fin do renacemento da identidade galega, xa nos anos oitenta intégrase no grupo Atlántica para expoñer de forma colectiva. No campo das artes gráficas traballa a litografía, a xilografía e especialmente o linóleo, como herdanza da escola linoleista de Pontevedra, co fin de reorientalo cara a formulacións de vangarda. Foi precursor no mundo do cómic, colaborou con Xaquín Marín elaborando o primeiro cómic editado en galego.