Pérez de Castro, Pedro

Madrid
-
1823
Madrid
-
1902

Pedro Pérez de Castro y Brito (Madrid,1823 - 1902). Compaxinou a carreira diplomática coa pintura. O máis expresivo da súa obra encádrase entre o romanticismo e o realismo, dentro dun gusto pola paisaxe que avanza e gaña terreo a medida que penetramos na segunda metade do século  XIX. Diplomático e personaxe da corte, onde traballou durante anos como Mordomo de Semana da S. M. O seu romanticismo pictórico relaciónase co da corte de Isabel II e o seu realismo coa moderada asimilación que se fixo da estética realista nos medios académicos españois a partir de 1860. No ronsel do romanticismo inglés, coñecedor das súas técnicas á acuarela e estampaxe, teríase que encadrar Pérez de Castro na súa primeira etapa, tendo ocasión de aprendelas directamente en Inglaterra onde, parece ser, que as estudou a idade temperá nos colexios de Oxford e Cambridge. En 1840, con 17 anos, ingresa na Carreira Diplomática, sendo o seu primeiro destino, en 1844, a Legación de España en Londres.

Desenvolvería a técnica da acuarela en luminosas paisaxes, e sería un dos  introdutores da técnica renovada en España antes de 1850. O seu cultivo tería unha importancia decisiva na modernización da pintura española e da paisaxe en especial xa que moitos dos estudos preparatorios faríanse nesta técnica. Na súa obra aparece ese interese que se dará repetidamente, pola visión topográfica do tema, concentrándose nos detalles estruturais ou decorativos que logran identificar perfectamente o visualizado. Posteriormente é destinado como agregado diplomático á embaixada de España en Roma entre 1846 e 1848 e posteriormente volta a España definitivamente.

O seu delicado estado de saúde faino residir en varios balnearios, como o de Alzola en Guipúscoa en 1852 e 1853 ou o de Granada en 1854. O naturalismo nas súas obras reafírmase definitamente no seu contacto con Segovia. Segue pintando do natural pero vólvese máis espontáneo. Pérez de Castro utilizou o óleo en menor medida que a acuarela e destaca tamén a súa faceta como  litógrafo. Xunto co seu irmán Mariano, coronel do corpo de Artillaría e tamén  llitógrafo que dirixe as revistas La Gaceta Militar e Mundo Militar, desenvolve unha actividade como litógrafo da que xurdirán, entre outros, o Álbum de paisajes y vistas de España ou o Álbum de la guerra de África.