Quessada, Xaime
Xaime Quesada Porto (usou o nome artístico de Xaime Quessada) (Ourense, 1937-Vilar das Tres, Ourense, 2007). É considerado un dos artistas máis polifacéticos do ámbito galego pola súa dedicación a variadas disciplinas artísticas, pintura, gravado, mural ou cartelismo. A súa inquietude artística fíxoo trasladarse a Madrid para formarse na Academia de Belas Artes de San Fernando. Foi compoñente do grupo O Volter, nome da taberna na que se reunían en Ourense artistas como José Luis de Dios ou o escultor Acisclo, e que foi alcumado como Os artistiñas por Vicente Risco pola mocidade da maioría dos seus mmebros. A través das súas viaxes coñeceu e cultivou a través de pinturas, acuarelas e gravados, todas as tendencias de vangarda da arte internacional, abstracción, surrealismo, etc. No ámbito do gravado, que estudou en París e Florencia, manexou todas as técnicas. Foi membro da Asociación cultural O Galo e participou con Reimundo Patiño na fundación do grupo de gravado Estampa Popular Galega. Ademais, levou a estampa ao universo do cartel, converténdoa nun medio de ampla difusión usando a linguaxe do pop art.