Sellier Loup, Luis

Rive de Gier (Rohne), Francia
-
1837
A Coruña
-
1910

Luís Sellier Loup (Rive de Gier (Rohne), Francia,1837- A Coruña, 1910). Con pouco máis de catorce anos, chega a Coruña en 1851 acompañando ao seu tío René Sellier e á familia de Antonio Avrillon, ambos os artesáns vidreiros franceses que se trasladaron a traballar na Fábrica de vidro da Coruña.

Luís vive en 1854 cos seus pais, Joseph Sellier, tamén artesán vidreiro, e Antoinette Loup e o seu irmán José de catro anos de idade nun piso dunha casa en rúa Sol dedicada a aloxamento de traballadores da fábrica de vidro. A familia Sellier Loup regresa a Francia, salvo Luís, que queda a vivir en Coruña. Luís casa en 1862 coa filla de Antonio Avrillon, Emilia (Neli), e vive cos seus sogros e o seu cuñado Alejandro (Juan Bautista) na rúa Acevedo 19 (posteriormente Real 37).

No Padrón municipal de 1862 constan Luís e Alejandro como fotógrafos, con gabinete conxunto no baixo de mesmo edificio da rúa Acevedo 19, tal como mostran os reversos das tarxetas de visita das súas fotografías, co nome de L. Sellier et  Avrillon, fotógrafos. A boa marcha profesional do gabinete reflíctese na intensa actividade que desenvolveron. A técnica de positivado da fotografía permitiu xeneralizar ao conxunto da sociedade a posibilidade de retratarse (co fenómeno da carte de visite- tarxeta de visita-) fronte ao máis exclusivo recurso da técnica pictórica. O éxito profesional levou á apertura dun novo gabinete fotográfico na Rúa Real 21 de Ferrol, que Luís atenderá temporalmente antes de trasladarse a esa cidade en 1865. Pouco tempo despois Luís e Alejandro sepáranse profesionalmente, péchanse os gabinetes da rúa Acevedo 19 e o de Ferrol.

Luís regresa a Coruña en 1866 e abre novo gabinete no Cantón de Porlier 15 (Cantón Grande) onde fixou a súa residencia. Nesta segunda etapa profesional, Luís desenvolve unha antiga afección pola pintura que leva ao campo profesional coa técnica que na época denominaban reproducións óleo-fotográficas, con técnicas de positivado fotográfico sobre lenzo que serviría de base para realizar retratos ao óleo. Luís márchase a Francia en 1878 e mantén aberto un gabinete fotográfico en Biarritz, ao redor de 1882 regresa a Coruña e retoma a súa actividade na rúa Real nº 86 co nome comercial de Fotografía de París. En 1888 culmínase o traspaso deste negocio ao seu irmán José Sellier.

Obras do/a autor/a

Nestes momentos o autor non ten obras expostas no museo.