Sorolla, Joaquín
Joaquin Sorolla e Bastida (Valencia, 1863-Cercedilla, Madrid, 1923). Ingresou na Escola de Belas Artes de San Carlos en 1879. As súas visitas a Madrid, en 1881 e 1882, permitíronlle copiar cadros de Velázquez, Ribera e o Greco no Museo del Prado. En 1885 Sorolla saíu para Roma despois de solicitar unha bolsa para estudar na Academia Española de Belas Artes. Durante os meses que estivo en París, impresionáronlle as pinturas dos realistas e dos pintores ao aire libre, En Roma, estudou rodeado de pintores españois, como José Benlliure Gil e Emilio Sala Francés. Ao terminar os seus anos en Roma, regresou a Valencia en 1889, e ao ano seguinte trasladouse a Madrid. Neste momento mostra unha nova preocupación na súa arte e interésase polos problemas sociais. Ata finalizar a década este interese permanece nas súas representacións. Co éxito conseguido coas súas imaxes do Mediterráneo e estimulado polo seu amor á luz pintou as escenas que lle proporcionarían fama mundial. Sorolla tamén fixo patente as súas habilidades como retratista en 1906 na súa primeira exposición individual en París en 1906. En 1909 o norteamericano Archer Milton Huntington convidaríao a expoñer na Hispanic Society of America e obtivo grande éxito. Foi tamén Huntington quen lle fixo o encargo máis relevante na vida como artista: a pintura dos grandes lenzos para ilustrar, nas paredes da Society, as rexións de España. Para isto realizou viaxes por toda España, entre 1911 e 1919. Sorolla faleceu en 1923, sen ver exposta a súa gran visión de España, que sería finalmente instalada en 1926.