Sucasas, Alfonso

Goias (San Miguel)
-
1940
Vila de Cruces (Deza (comarca))
-
26/06/2012

Alfonso Sucasas Guerra (Goiás, Lalín, Pontevedra, 1940 - Ferreirós, Vila de Cruces, Pontevedra, 2012). Os seus inicios na arte remóntanse á infancia e a iniciación en debuxo adquirida cun mestre que chega a Lalín como profesor no Instituto Laboral.

Debido á falta de apoio dos seus familiares vese obrigado a emigrar, primeiro a Venezuela e despois a Brasil. En Venezuela as súas obras caracterizábanse por ser expresionistas ou postimpresionistas, coa figura e a condición humana como temática central e con certas tendencias ao tráxico.

Durante a súa etapa en Brasil a temática figurativa seguirá presente con claras influencias da pintura suramericana alcanzando un sentido primitivista.

Volve a Galicia onde a súa obra cambiará de miras centrándose no autóctono, e o fundamental da súa pintura será a mensaxe, a literatura que hai detrás do cadro e que fai referencia ás preocupacións sociais. Unha vez asentado en Santiago a súa pintura volverase máis dramática e agresiva, marcada pola abstracción e os informalismos cunha gran tendencia á deformación, continuando coa visión existencialista do home.

O estilo deste artista poderíase definir como unha complexa evolución marcada polas experiencias e os lugares nos que viviu, pasando dun concepto académico a un máis autóctono para acabar nunha visión moi persoal de todo o asimilado.

Obras do/a autor/a