Visitas
RESERVA DE VISITAS ESCOLARES DO CURSO 2025-2026 A PARTIR DO LUNS 8 DE SETEMBRO
A programación didáctica deseñada especialmente para a comunidade educativa inclúe visitas guiadas e actividades adaptadas ás diferentes etapas, desde Educación Infantil ata Bacharelato. O obxectivo destas propostas é espertar o interese pola arte no alumnado, fomentar o hábito de visitar centros culturais e coñecer de preto as obras de arte, creando unha experiencia enriquecedora e dinámica.
Coa axuda dos ollos curiosos dos nenos e nenas, buscaremos os animais que se agochan nas pinturas da colección.
O medio que usaremos para a visita ao museo será a auga, que nos axudará a coñecer os seus usos e beneficios, o seu vínculo cos oficios e a súa conformación como ecosistema.
Esta visita busca explicar a través da arte o concepto do paso do tempo, observando nas obras seleccionadas as estacións e variacións climáticas, así como as tradicións asociadas a cada época.
Como logran as pinturas e esculturas transmitir unha emoción ou capturar un movemento? Nesta proposta aprendemos a ler a linguaxe do corpo nas obras, descubrindo o que cada xesto, cada postura e cada mirada comunica.
Como era o mundo antes? Este percorrido achégase ao paso do tempo a través das obras do museo, descubrindo como foron cambiando as formas de vivir ao longo da historia.
A arte e a ciencia comparten algo esencial: a curiosidade por observar e interpretar o mundo. Esta proposta conecta a arte coas ciencias naturais, explorando a través de pinturas e esculturas fenómenos como a gravidade, as mareas, os movementos da Terra ou as diferenzas horarias.
Detrás de cada cadro hai unha época, unha mirada e unha forma de entender o mundo. Un percorrido polos grandes xéneros da pintura para descubrir como cambiaron as técnicas, os estilos e a linguaxe visual ao longo dos séculos.
A través da arte podemos apreciar como se constrúe a identidade dun territorio. Esta proposta percorre a historia e a cultura de Galicia a través das obras do museo, explorando a paisaxe, os oficios tradicionais, a tradición oral e as transformacións sociais que foron definindo o noso territorio e a memoria da xente, onte e hoxe.
Esta proposta é unha viaxe pola historia do movemento humano, desde a romanización e os conflitos bélicos ata a emigración galega ou o turismo moderno, descubrindo que cada desprazamento deixou unha pegada nas culturas, nas identidades e nas persoas que o fixeron.
Esta visita propón unha experiencia diferente no museo. Unha proposta dinámica, creativa e adaptada ao primeiro ciclo da ESO, que convida a moverse polo museo con curiosidade e sentido crítico.