Imaxe:

Paisaxe de Granada

Autores/as:
Cronoloxía:
1891

Formado segundo as propostas realistas da época e coñecedor do paisaxismo madrileño de Carlos de Haes, Alfredo Souto vai seguir a senda dunha paisaxe realista que asimila as influencias locais dos diferentes sitios onde se establece para exercer a súa carreira xudicial. Así, a súa estancia en Granada dá título a este retrinco de paisaxe urbana realizada en pequeno formato con asunto tan do gusto da clientela burguesa da época.  

Neste cadro apréciase a diferenza de paisaxes que pinta de Galicia respecto doutras que realiza en Andalucía. A cor desvela a súa localización meridional nos brancos da arquitectura, resaltados por esa incidencia lumínica sobre os seus encalados ou creando contrastes tonais nas zonas sombrías dos beirados. 

Ademais desa luz, é de destacar o naturalismo con que transcribe a minuciosa calidade dos materiais e texturas das paredes, que nos trae ao recordo obras como A Torre das Damas na Alhambra de Granada ou A augadora pintadas por Martín Rico, un dos principais paisaxistas españois da época a quen Alfredo Souto posiblemente coñeceu pola súa participación nos frecuentes certames nacionais.

Igualmente podemos dicir dos parámetros compositivos que equilibran a horizontalidade das arquitecturas coa verticalidade que define o ciprés de evocación romántica. E, da harmonización que establece entre arquitectura e vexetación enriquecida ademais coa ornamentación floral e presenza de obxectos decorativos realizados tamén con minuciosa técnica. 

Folla técnica

Número de inventario:
323
Materia / Soporte:
Táboa
Contexto cultural / Estilo:
Realismo
Autores/as:
Cronoloxía:
1891
Clasificación:
Pintura
Iconografía:
Arquitectura popular
Paisaxe. Xardíns
Procedencia:
Depósito: Museo Nacional del Prado (15/10/1946)
Historial:

Depositado polo Ministerio de Fomento por R. O. de 16-06-1896 na Escola de Artes e Oficios.
Pasou ao Museo de BB.AA. Por O. M. de 02-07-1946

EXPOSICIÓNS
Con esta obra obtén a Terceira Medalla na Exposición Nacional de 1892.
Ano 1983- 84. Homenaxe a Pintores Coruñeses. Deputación provincial da Coruña. Sede: Colexio Calvo Sotelo. Decembro 1983- Xaneiro 1984.
Ano 1984. Pintura do S. XIX nas Institucións. Concello da Coruña. Sede: Kiosco Alfonso. 21 Xuño- 5 Xullo.
Ano 1985. Impresionistas galegos. Concello da Coruña. Sede: Kiosco Alfonso. 15 Xuño- 5 Xullo.

Referencias a Exposicións, que aparecen na parte posterior do cadro: Etiquetas: Diputación de La Coruña/ Exposición Pintores Coruñeses/ Num. 449/ Autor: Souto Cuero, Alfredo/ Título: Paisaje de Granada/ Medidas Marco:_ Bastidor/ Técnica e soporte_/ Propietario: Museo Artes (Coruña)/ Domicilio_/ Incidencias.

Medidas:
Con marco: Altura = 46,7 cm; Anchura = 33,9 cm; Profundidade = 4,5 cm
Táboa: Altura = 33 cm; Anchura = 24 cm
Técnica:
Pintura ao óleo
Obxecto:
Cadro