Imaxe:

San Bernardo

Autores/as:
Cronoloxía:
1690[ca]-1720[ca]

Figura masculina de corpo enteiro de pé sobre unha base rectangular. A figura de San Bernardo de Claraval, monxe e abade cisterciense, ten a cabeza tonsurada para indicar a súa renuncia á vida mundana e está caracterizado como un home novo, imberbe e de faccións delgadas coas que o santo acostumaba ser representado por mor do xaxún e austero modo de vida. Sostén os obxectos que tradicionalmente identificaban os abades, como o Libro da Regra monástica que sostén coa man esquerda e o báculo abacial que suxeita coa dereita. A mitra, situada aos seus pés, sería significativa da renuncia a unha dignidade eclesiástica ou ao uso desta peza. Cóbrese coa cogulla branca, unha folgada vestidura con longas mangas de boca ancha que formaba parte do hábito monástico e era usada polos monxes nos rezos de coro. As vestiduras de cor branca que caracterizaron aos cistercienses enriquécense nesta figura con motivos estofados dourados seguindo a estética barroca que alcanza as súas manifestacións tardías nos inicios do século XVIII.

Folla técnica

Número de inventario:
901
Materia / Soporte:
Madeira
Contexto cultural / Estilo:
Barroco
Autores/as:
Cronoloxía:
1690[ca]-1720[ca]
Clasificación:
Escultura
Iconografía:
Relixiosa. Santos
Procedencia:
Asignación. Doazón: Cao, Pilar (05/06/1948)
Medidas:
Altura = 57 cm
Escultura: Altura = 44,8 cm; Anchura = 25 cm; Profundidade = 15,5 cm
Técnica:
Policromado
Talla
Estopado
Obxecto:
Escultura

Obra restaurada

Estado de conservación

A talla de madeira dourada e policromada amosa fisuras no rostro, problemas de adhesión da capa pictórica e o dourado que, en certas áreas, derivaron en lagoas e desprendementos, así como abondosa suciedade superficial e de depósito, adherencias de orixe graxa (cera das candeas) e moitos repintes envellecidos e de mala calidade que afectan especialmente á totalidade da base da escultura, manto e carnacións.

Análise

A peza foi analizada en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, realizándoselle un TAC e un estudo dendrocronolóxico. Este proceso foi recollido na revista Gallaecia, nº38 (2019)

Restauración

A intervención de restauración consistiu no sentado puntual de zonas con risco de desprendemento, limpeza e eliminación de repintes e recubrimentos envellecidos, eliminación mecánica de restos de cera das candeas, estucado e reintegración cromática de lagoas e aplicación de protección final.