Imaxe:

Speculum Humanae Vitae

Autores/as:
Cronoloxía:
1590[ca]-1630[ca]

O tema central do tapiz inspírase na estampa Alegoría da morte do gravador italiano Andrea Andreani ( c. 1558-1629), que á súa vez se inspira no debuxo realizado en 1588 por Giovanni Fortuna (1535-1611), debuxante e ourive sienés.

A parte central do tapiz ocúpaa un monumento sepulcral en cuxa base xace un defunto nun ataúde aberto diante do que están depositados diversos obxectos que aluden á condición social e aos cargos que abandonaban os vivos ao morrer, entre eles un cetro, unha coroa, armas, a tiara papal e códices. O ataúde está custodiado por dous personaxes en actitude reflexiva, o da esquerda acompañado por un anxo e o da dereita por un bufo.

A parte superior do monumento sostéñena dous esqueletos a modo de columnas e entre eles sitúase o motivo principal, unha Roda da Fortuna (representada aquí como Roda das Vaidades) entre cuxos radios hai cranios que levan tocados propios da indumentaria das dignidades eclesiásticas na parte superior: o chapeu de cardeal, a tiara papal, a mitra do arcebispo e do bispo, e dos laicos no inferior: unha caveira espida para o home do común, o gorro dun militar, o bonete dun nobre e a coroa dun emperador. Ao redor da Roda dispóñense elementos iconográficos do mundo cristián como as figuras de Adán e Eva recostadas que suxeitan unha mazá como orixe do pecado, ou a representación do ceo e o inferno sobre os pavimentos de laxas nos laterais.

No arco están representadas tres figuras da cultura clásica, as tres Parcas (Cloto, Láquesis e Átropos), as fiadoras do destino humano que simbolizan os actos da existencia humana do nacer, vivir e morrer. Estas figuras están flanqueadas por dous pináculos historiados, con símbolos do día o da esquerda e da noite o da dereita.

Na parte superior do tapiz varios motivos aluden á morte, no alto e sobre un reloxo de area aparecen os brazos dun esqueleto suxeitando unha gran pedra, debaixo unha caveira na que se enrosca unha serpe, e a esquerda e dereita dous anxos sosteñen fachos voltos cara abaixo en referencia ao fin da vida.

Unha orla percorre o tapiz formando dúas rúas laterais divididas en hornacinas nas que se desenvolven escenas da Danza da Morte cos personaxes vivos dos diferentes estamentos sociais acompañados por un esqueleto que ademais de lembrarlles o fatal destino, subliña a natureza igualatoria da morte. Na rúa esquerda e de arriba abaixo, o papa, o emperador acompañado por unha figura feminina de pequeno tamaño e un arcebispo. Na rúa dereita un bispo, un cabaleiro e un cardeal. Na parte superior da orla a cada lado da inscrición central está representada a loita entre Cupido (Amor) e a Morte.

A Roda da Fortuna, que simbolizaba a incertidume do destino humano e era un recordatorio da fugacidade das glorias terreais, tivo gran difusión na Idade Media e no Renacemento. O barroco pola súa banda fixo da morte un motivo de meditación xa que coa súa imaxe exhortábase aos fieis ao desapego da realidade visible e convidáballes ao arrepentimento.

Este complexo programa iconográfico complétase coas lendas que ocupan o tapiz, algunhas encadrando as escenas da orla e outras distribuídas polos elementos arquitectónicos do monumento sepulcral, destacando entre elas, a que o coroa: Speculum Humanae Vitae (Espello da vida humana). Son textos en latín que aluden á fugacidade da vida e inclúen proverbios e pasaxes do Antigo Testamento que reforzan a mensaxe moral das figuras.

O tapiz pertenceu a Emilia Pardo Bazán, quen no Capítulo V da súa novela A sirena negra (1908), describe algunhas das figuras do tapiz inmersas nunha danza xeral da morte.

Folla técnica

Número de inventario:
3289
Materia / Soporte:
Lana
Liño
Seda
Contexto cultural / Estilo:
Barroco
Autores/as:
Cronoloxía:
1590[ca]-1630[ca]
Clasificación:
Textís
Mobiliario
Iconografía:
Alegoría
Vanitas
Relixiosa. Antigo Testamento
Mitolóxica
Procedencia:
Asignación. Legado: Esteban-Collantes e Sandoval, María (04/07/1968)
Historial:

O tapiz pertenceu a Emilia Pardo Bazán e procede da herdanza do seu fillo Jaime Quiroga e Pardo Bazán casado con María Manuela Esteban-Collantes e Sandóval. A doante do tapiz, María Esteban-Collantes, era irmá da súa esposa.

EXPOSICIÓNS:
Ano 1997: Speculum Humanae Vitae: imaxe da morte nos inicios da Europa moderna. Museo de Belas Artes da Coruña

Historia do tapiz:
Neste vídeo (http://www.youtube.com/watch?v=VldhBedKqYs&feature=relmfu), Julia Santiso explica os tapices na Casa-Museo de Emilia Pardo Bazán, e no minuto 1:14 comeza a falar do Tapiz de Speculum, momento en que aparece a foto de Emilia ante o tapiz no minuto 1:25, citando que a nora de EPB donouno ao Museo de Belas Artes.
Transcrición literal: "O gran tapiz que nós non posuímos é un ao que ela lle deu categoría de libro escribindo sobre el na sirena negra. A nora de dona Emilia casada con Jaime, co seu fillo, donouno ao Museo de Belas Artes. Ela comenta que llo comprou a un ianqui que se deprimía ante a idea da morte e dona Emilia apunta que non hai nada tan español e tan enxebre como saber que esa morte está sempre presente".

Medidas:
Altura = 334 cm; Anchura = 252 cm
Técnica:
Tapizaría
Obxecto:
Tapiz